Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Satisfacción no sector polo cesamento do presidente

Agardan que o relevo no CRAEGA remate cunha década de freos ao agro ecolóxico

Freo a iniciativas, actuacións administrativas caóticas, elevado nivel de politización, falta de transparencia, irregularidades e presuntas ilegalidades... Non aforran críticas á xestión realizada durante anos no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.

R.N. - 08:00 01/06/2007

"O sector necesita un forte impulso, e o cambio na presidencia é unha boa noticia", afirma Xavier Simón, economista especialista en agroecoloxía da Universidade de Vigo. Simón considera moi favorábel que a Consellaría do Medio Rural trate de despolitizar os nomeamentos para os consellos reguladores e aposte pola súa profesionalización.

Xavier Simón é moi crítico co labor realizado por Gabino Vázquez, cesado esta semana por Medio Rural, e opina que foi causante dun labor de "freo" a moitas iniciativas agroecolóxicas. Especialmente, denuncia as actuacións administrativas do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, CRAEGA que bloquearon o acceso de moitos labregos potenciais do sector da agricultura ecolóxica, obrigándoos a optaren por quedar fóra do selo ou usaren outras vías para a comercialización dos seus produtos.

Poucas semanas despois de que se cumprira o décimo aniversario deste consello regulador, o economista vigués láiase do tempo perdido durante o cal se puido xerar un tecido produtivo dinámico. Destaca que neste período "podía terse avanzado moito" e malia iso, a agroecoloxía mantívose en Galiza como unha actividade marxinal mentres no resto do Estado avanzaba moi rapidamente.

Por outra parte, desde Ferrol, Xan Martínez, da cooperativa Xoaninha, fala da soidade na que estivo traballando o sector desde sempre e di ser optimista cara ao futuro na espera de que "dunha vez se promova a agricultura ecolóxica en Galiza". Ao tempo que explica para Vieiros o labor case autodidacta que na maioría das ocasións desenvolveron os labregos que foron accedendo a este tipo de produción, subliña como prioridade inmediata a necesidade do fomento de técnicos, e de poñer á disposición oportunidades de formación.

Queixas diante do Valedor do Pobo
Ao respecto do cesamento de Gabino Vázquez, desde o Sindicato Labrego recordan que o seu nomeamento chegara en maio de 1997 por designación directa da Consellaría de Agricultura. Apuntan que cando un ano despois o vicepresidente e os vogais do consello solicitaran xa daquela o seu cesamento, pola contra destituíron "os díscolos" e nomeouse un novo consello "en sintonía con Vázquez", ao que acusan de valerse da súa relación familiar con altos cargos do PP "para perpetuarse no cargo".

Entre as queixas á xestión destes dez anos, o SLG lembra que se convocaron plenos sen respectar os prazos legais, as negativas a facilitar copias das actas e outro tipo de documentación para aprobar, celebración de sesións plenarias sen quorum, aprobación de orzamentos e memorias sen facilitarlle copias aos vocais e mesmo denuncian falsificación de actas. A vogal do SLG no CRAEGA, Agatha Broeskamp, dixo ter a esperanza de que o relevo na institución sirva para conseguir "o funcionamento democrático e en favor dos labregos e labregas do sector ecolóxico en Galiza".

Gabino Vázquez retruca as acusacións
Pola súa banda, o xa ex presidente do CRAEGA, Gabino Vázquez, rexeita todas as críticas e afirma que a Consellaría do Medio Rural escolleuno como "cabeza de turco" para enviarlle unha mensaxe ao resto dos consellos reguladores. Na opinión de Vázquez, a consellaría practicará "un asalto político ás denominacións de orixe" co obxectivo de controlalas.


4,93/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: