Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Seguen os festivais de marionetas

Remata Cans e comezan os títeres

Aínda coa resaca do seu festival de cinema, O Porriño inicia xa unha nova actividade: tres compañías de monicreques recén chegadas do Festival Internacional de Redondela fan unha paradiña neste concello.

Redacción - 17:16 28/05/2007

Non teñen acougo: veñen de estar en Redondela, a semana pasada, e xa temos de novo un festival internacional de títeres, ademais, nun concello que tampouco para: no Porriño acaba de finalizar o festival de Cans e xa acollen a outras estrelas da interpretación que desta vez non veñen en chimpín. Son estrelas de pau, tea e fíos, algunhas de luva, outras de variñas, e mesmo as hai que son siluetas para facer sombras chinesas. Monicreques que continúan coa súa tournée por Galiza.

O Centro Cultural Municipal do Porriño acolle a Semana Internacional de Títeres até o mércores, cos espectáculos das compañías Artello Teatro (Galiza), Asomados y Escondidos (Arxentina) e Hong Kong Puppet an Shadow Art Center (HKPSAC, da China). A programación organizouse coordinada co Festival de Títeres de Redondela, e haberá tres actuacións cada mañá para o alumnado dos colexios do municipio, e unha representacións de tarde para o público xeral, que terá lugar o martes ás 20:00 horas no Centro Cultural A Forna de Budiño.

Haberá espectáculos para todos os gustos: a compañía chinesa Hong Kong Puppet an Shadow Art Center foi creada polo titiriteiro e marionetista Wong Fai. O seu Chinese puppet show, con marionetas de fíos e títeres de luva, amosa unhas figuras de delicada elaboración que dan boa fe da rica tradición plástica chinesa. Artello Teatro, con De fábula, recupera o mundo das fábulas clásicas a través dos ollos da raposa Bulebule. Por último, a compañía arxentina Asomados y Escondidos, traen Huevito de ida y vuelta, con títeres de mesa. Un ovo que se converte en vermiño, un vermiño que bota ás e marcha, pero antes de marchar deixa outro ovo que tamén se converterá en vermiño...


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A miñoquiña de 'Huevito de ida y vuelta'
A miñoquiña de 'Huevito de ida y vuelta'
A raposa Bulebule protagoniza 'De fábula' de Artello
A raposa Bulebule protagoniza 'De fábula' de Artello