Este domingo día 20, e no mesmo acto, Leopoldo Nóvoa recibe tamén o Pedrón de Honra.
O acto comezará ás 12h30 do domingo coa ofrenda floral a Rosalía. Será presentado por David Otero, e contará cunha actuación do grupo de gaitas Bico da Balouta. Continuará cun xantar de honra ás 14.30 no Restaurante Hotel Scala, de Padrón.
A Fundación Pedrón de Ouro, declarada de interese galego, foi creada en 1964 para a defensa da lingua, das letras, da cultura e do patrimonio galegos, que atravesaban momentos difíciles. Presídea Avelino Abuín de Tembra, e ten como presidentes de honra a Avelino Pousa Antelo, Gustavo Santiago Valencia e Isaac Díaz Pardo. Outorga anualmente o Pedrón de Ouro, que distingue a unha persoa destacada na defensa e promoción das diversas facetas da cultura galega que resida en Galiza, e o Pedrón de Honra, para homenaxear, do mesmo xeito, a unha persoa que teña contribuído ao progreso da nosa terra, pero que viva fóra de Galiza.
Este ano, no primeiro caso, o homenaxeado é o catedrático e director da Escola Universitaria de Maxisterio, membro numerario da RAG dende o 83, Francisco Xabier Río Barja. Nado en Lugo en 1919, estudou Filosofía e Letras en Compostela e doutourouse en Xeografía en Madrid no 53. Discípulo de Otero Pedrayo, colaborou con el e publicou obras como Los estudios climatológicos de Galicia, Bibliografía económica de Galicia, Os ríos galegos ou Galicia, esa descoñecida. Pertence ademais á Academia das Ciencias de Galicia, ao Consello da Cultura, ao Instituto Galaico Miñoto, e dirixiu o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
Leopoldo Nóvoa, que leva o Pedrón de Honra este ano, naceu no mesmo ano en Salcedo, e dende moi novo marchou ao Uruguai, onde se formou como pintor, No 47 marcha a Bos Aires, e alí implícase nas actividades do círculo de intelectuais do exilio galego. No 65 instálase en París e comeza a expoñer. Dende o 77 divide o seu tempo entre a capital francesa e Galiza, e as súas obras máis salientábeis dos últimos tempos son o conxunto Espacio crómlech ocupado, no parque compostelán de San Domingos de Bonaval, e Pousadoiro das Letras, no Campus das Lagoas da Universidade de Vigo.