Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Tras a xuntanza entre patronal e sindicatos

Non hai acordo no conflito do naval

As mobilizacións pola folga no sector continúan este venres. Dous milleiros de manifestantes entraron e bloquearon a estación do tren, con barricadas nas vías. Antes, catro sucursais bancarias foran tomadas no cruce de Colón en Vigo.

FAA - 12:15 11/05/2007
A estación de tren de Vigo estivo bloqueada boa parte da mañá

A estación de tren de Vigo estivo bloqueada boa parte da mañá

Non hai acordo. A xuntanza entre representantes dos sindicatos CCOO, CIG e UXT e a patronal que se desenvolveu dende as 8.00 horas deste venres até pasadas as 12.00 horas finalizou sen solución ao conflito do naval en Vigo.

Os puntos de frición máis importantes seguen a ser os mesmos. Os traballadores esixen a expulsión dos estaleiros vigueses das empresas que incumpren o convenio en materia de emprego fixo (o 45% dos contratos), especialmente a de Montaxes Nervión, que ten 250 operarios en situación temporal. Ademais, piden que todo o persoal sexa recolocado nas que si cumpren a legalidade, e dan un prazo de 15 días aos empresarios.

Pola súa banda, a patronal solicita máis tempo, e propón que eses traballadores en troques de seren recolocados pasen á bolsa de emprego.

Bloqueo das sucursais bancarias

Este venres cúmprese a sétima xornada da folga indefinida no sector naval. A afluencia de traballadores, cada vez máis masiva, nas mobilizacións provocou novos cortes de tráfico nos puntos clave do centro de Vigo.

Tras finalizar as asembleas de primeira hora da mañá, os operarios partiron en manifestación cara ás principais rúas da cidade. Ao chegaren ao cruce de Colón, ao redor das 10.00 horas, optaron por acceder a varias sucursais bancarias e bloquealas, concretamente, as do Banco Pastor, Caixanova, BBVA e, especialmente, Banco Santander.

A folga indefinida poderíase estender a todo o sector do metal e, posteriormente, a toda a actividade de Vigo, segundo insinuaron os sindicatos, de non se chegar a acordos firmes e garantidos cos empresarios.

Ocupación da estación do tren
Ademais, ao redor de dous milleiros de manifestantes ocuparon a estación do ferrocarril de Vigo contra as 11.15 horas, bloqueando a saída e a entrada dos trens, mediante a colocación de barricadas ardendo na vía.

Por outra banda, un artefacto explosivo de fabricación caseira foi lanzado esta madrugada ao redor das 1.15 horas contra a sede da Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME, que provocou estragos no tellado dun chalé anexo.


4,55/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: