Rematou o Sant Jordi e a Semana do Libro e, sen case tempo para coller folgos, comeza maio cheo de citas. Alén do SonGaliza, nas vindeiras semanas haberá conferencias, música, poesía, teatro... Actos organizados pola Federación de Entidades Galegas ou polas entidades integrantes de Rede.cat, o conxunto supera os actos oficiais ao redor do Día das Letras Galegas.
Comezamos este venres 4 coa conferencia "A literatura no libro e na xente" do escritor Suso de Toro, no Auditori de Cornellà, e o sábado 5 con Ricardo Gurriarán no Centro Galego de Barcelona onde presentará o libro Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago de Compostela (1900-1940), un documentado traballo sobre a creación das redes de investigación científica que logo serían coutadas polo franquismo.
A primeira cita coa poesía será na Biblioteca Bonnemaison o día 8, coa participación de Yolanda Castaño nunha mesa de poetas canda a vasca Miren Agur Meabe e as catalás Gemma Gorga e Montserrat Rodés, e presentadas por Helena González e Francesco Ardolino, profesores da UB. O acto, organizado polo Centre Dona i Literatura, está enmarcado no ciclo anual Barcelona Poesía. Yolanda Castaño tamén participa o día 9 no Festival Internacional de Poesia de Barcelona, no Palau de la Música.
Pola banda máis institucional, o día 12, na cita anual no Saló de Cent de Concello de Barcelona o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, ofrecerá a conferencia titulada "A Real Academia Galega: Pasado, presente e futuro". E xa cadrando co Día das Letras, o 17, no Pazo da Generalitat Manuel Rivas dará a conferencia "As Letras Galegas 2007: María Mariño", presentado polo Vicepresident, Josep-Lluís Carod-Rovira, e seguida dun recital de poemas a cargo do poeta Miguel Anxo Fernán Bello.
A profesora da USC, Carmen Blanco, especialista en María Mariño, obsequiará na Universitat de Barcelona o día 18 coa conferencia "O misterio de María Mariño". Tamén na UB, a exposición biobibliográfica anual da biblioteca exporá hogano unha mostra de libros sobre "María Mariño e as escritoras baixo a ditadura".
O sábado 19 no Centro Galego poderase asistir á obra de teatro Blazek, espectáculo do grupo galego-catalán El retrete de Dorian Gray, formado polo actor, clown e showman galego Marcos PTT e polo mago e malagarista Ezra Moreno. O acto está organizado por Furafollas e o mesmo Centro.
E case rematando o mes, se non hai máis sorpresas, o 25 de maio Espazo Galego pecha o II Ciclo "Galiza: nin rastro de mulleres?" na Biblioteca Bonnemaison cun recital poético en homenaxe a María Mariño e o fallo do concurso Contos no Mediterráneo. Na biblioteca tamén se poderá ver a exposición da Marcha Mundial de Mulleres, do 21 ao 31 de maio.
ACTOS NO MES DE MAIO (MAIO CULTURAL GALEGO)
4 de maio, 19.30 h
Conferencia de Suso de Toro: “A literatura no libro e na xente”.
Auditori de Cornellà
Albert Einstein, 51 | Cornellà
5 de maio, 19.30 h
Conferencia de Ricardo Gurriarán: “Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE [Junta para la Ampliación de Estudios] á depuración do profesorado".
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxíns, 35
8 de maio, 19.30 h
Mesa de poetas: "La llengua, també, ha estat desada, l’han penjada a la biblioteca" ["A lingua, tamén, foi gardada, colgárona na biblioteca", Sylvia Plath.]
Participan: Miren Agur Meabe (éuscara), Yolanda Castaño (galego), Gemma Gorga (catalán) e Montserrat Rodés (catalán). Dentro do ciclo Barcelona Poesía.
Presentación de Helena González i Francesco Ardolino.
Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison
Sant Pere Més Baix, 7 | Barcelona
Do 11 ao 13 de maio
Festival SonGaliza
(Consultade todos os actos en Vieiros ou na web do Festival)
12 de maio, 19.30 h
Conferencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández, Presidente da Real Academia Galega: "A Real Academia Galega: Pasado, presente e futuro".
Saló de Cent do Ajuntament de Barcelona
P. Sant Jaume | Barcelona
16 de maio, 20 h
Presentación do libro de poesía A ollada de Astarté, de Pura Salceda, (Ed. Espiral Maior), coa presenza da autora e do editor, Miguel Anxo Fernán Bello.
Galería Sargadelos
Provença 276 | Barcelona
17 de maio, 19.30 h
Conferencia de Manuel Rivas: "As Letras Galegas 2007: María Mariño".
Recital de poesía a cargo do poeta Miguel Anxo Fernán Bello.
Presentación a cargo do vicepresidente da Generalitat, Josep Lluis Carod-Rovira.
Palau de la Generalitat
P. Sant Jaume | Barcelona
18 de maio, 19.30 h
Conferencia de Carmen Blanco: "O misterio de María Mariño"
Aula 113, Edifici Històric
Universitat de Barcelona
Gran Via de les Corts Catalanes, 585 | Barcelona
19 de maio, 19.30 h
Obra de teatro Blazek, a cargo d'El retrete de Dorian Gray (Marcos PTT e Ezra Moreno).
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxíns, 35
25 de maio, 19 h
II Ciclo "Galiza: nin rastro de mulleres?"
Recital poético en homenaxe a María Mariño, a cargo de Ángela Serna e Pilar Corcuera, integrantes do grupo vasco Xurxulak, e presentación do CD de poesía galega Pensando nelas, realizado en Euskadi. Entrega dos premios do concurso literario Contos no Mediterráneo.
Biblioteca Francesca Bonnemaison
Sant Pere més Baix, 7 | Barcelona