Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Primeiro de Maio

Avances e desafíos pendentes do diálogo social

Igualdade, emprego de calidade, loita contra os recortes na protección social. Son reivindicacións que aparecen este martes nos cartaces das mobilizacións dos traballadores. Falamos cos líderes de cada unha das principais formacións sindicais.

Redacción - 18:06 30/04/2007

En novembro pasado, un ano despois da sinatura da declaración institucional que abriu o proceso de diálogo cara ao Acordo Galego polo Emprego, a Confederación Intersindical Galega decidía deixar a mesa de negociacións. Laiábanse desde a CIG de que o proceso estaba resultando decepcionante, criticando a visión optimista das outras dúas formacións sindicais maioritarias.

Este 1 de maio, unha vez máis os tres colectivos irán por separado na mobilización en favor dos dereitos dos traballadores. Dunha beira, UXT e CCOO consensuaron un mesmo lema, "Pola Igualdade. Emprego de Calidade". Por outra parte, a CIG acode en solitario atrás do cartaz "Contra os recortes no sistema de protección social".

Vieiros falou cos líderes das tres formacións. Dúas preguntas na mesa: a primeira sobre o balance dese proceso que tratou de xuntar a Xunta, patronal e sindicatos; a segunda sobre os desafíos prioritarios a curto prazo.

Xosé Antón Gómez, secretario xeral de UXT-Galicia

"Tanto UXT como CCOO tivemos papel impulsor no lanzamento destas medidas de calidade nos acordos importantes asinados tanto en Galiza como no Estado. Facemos unha valoración positiva. Cremos que estamos nun momento de avances sociais. Dotámonos dun novo marco de relacións laborais que pensamos que pode mudar moito o modelo anterior baseado na precariedade e os baixos salarios. Somos tamén optimistas porque estamos nun momento de forte creación de emprego e sen dúbida nun contexto econñómico favorábel".

"Neste Primeiro de Maio demandamos que é necesario mudar o modelo produtivo actual, porque cremos necesario que deixe de estar baseado no consumo e na construción. É un modelo débil para manter o crecemento económico no tempo. Pedimos que medren os salarios e que o empresariado invista en innovación e en formación e por outra parte que o goberno lidere o cambio de modelo produtivo, impulsando políticas industriais".

(...) Escoita a entrevista completa con Xosé Antón Gómez





Suso Seixo, secretario xeral da CIG
"Balance negativo. Propuxéramonos obxectivos ambiciosos, cun plan de emprego para Galiza amplo, que incluira o que ten que ver con políticas activas, apoio aos sectores produtivos, investimentos en I+D, cohesión social e territorial... Nunha perspectiva ampla: Crear emprego e emprego de calidade".


"Desafortunadamente iso non foi posíbel, porque optouse por centrarse unicamente nalgunhas políticas activas e medidas de carácter institucional, quedando fóra desas negociacións todo o demais. Non se afrontou con seriedade o problema do desemprego en Galiza. E iso levounos a abandonar as mesas de negociación".


(...)
Escoita a entrevista completa con Xesús Seixo



Xan María Castro, secretario xeral de CCOO-Galicia
"Existen elementos positivos, o acordo do diálogo social é un deles, malia que queda outra parte importante pendente dentro disto. Pecháronse acordos sobre emprego, saúde laboral e prevención da sinistralidade, en relación á modernización das relacións laborais ou responsabilidade social das empresas. Noutros aspectos hai elementos preocupantes. Nós subliñamos recentemente no que lle toca aos servizos públicos, en canto á conformación das empresas que se promoven: non dicimos que non haxa que crealas, pero si nos preocupa a forma en que van quedar: emerxencias, incendios, servizos sociais... "

"Fóra diso, foi un ano de moito crecemento económico, superior ao do conxunto do Estado, e por primeira vez comeza a crearse emprego á beira dese crecemento, algo que non sucedía até o de agora. Aí a nosa preocupación está especialmente no ámbito da temporalidade"

(...) Escoita a entrevista completa con Xan María Castro


Ligazóns

4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: