Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN SARGADELOS: LA HISTORIETA GALLEGA

Banda Deseñada Galega: Caldo de Cómic e Arte Industrial

Imaxes, debuxantes, editores e políticos coincidiron estes días en Barcelona para promocionar a Banda Deseñada Galega. En Sargadelos está instalada a exposición La Historieta Gallega que é unha boa escolma do que é esta expresión artística.

Lito Caramés - 22:30 26/04/2007

O caso era que cada nova transformación ía deixando pequenas sinais na súa fisionomía. É o que conta Manuel Filgueiras no cómic Xavier (1985). Será o caso da Banda Deseñada Galega? Desde os anos setenta até agora, debuxo e texto en comandita fixeron longas viaxes e pasaron por etapas e transformaron conceptos, orientacións e presupostos. Serán perceptíbeis as marcas do underground, do pop, do manga?

Boa parte da historia da Historieta Galega está sintetizada nas paredes da Galería Sargadelos de Barcelona. Os comisarios da exposición, Gemma Sesar e mais Fausto Isorna, así o planificaron. Dos comezos, aló polos setenta Reimundo Patiño (O home que falaba vegliota, 1972), pódese seguir a pista de artistas como Xaquín Marín, Isorna, Correa Corredoira, Cubero, Pinto e Chinto, Carreiro, da Silva, etc. e de revistas e proxectos como Diplodocus, Golfiño, Ameixa Cacofónica, Valiundiez, BD Banda, Barsowia, etc.

Paralelamente á exposición que paga a pena visitar en Sargadelos, celebrouse o Saló do Còmic de Barcelona. Alí houbo un espazo propio para Banda Deseñada Galega con mostras do que se está a facer en Galicia e dos vieiros que os artistas (ultimamente tamén hai algunhas rapazas, tal é o caso de Emma Ríos) van marcando, coas publicacións e traballos individuais, e mormente cos colectivos. Todo isto tamén está en Sargadelos. De feito todo forma parte do mesmo.

A maior abundamento (úsase aquí esta forma adrede, como homenaxe a Luís Seoane, pois non en balde os pintores e gravadores e ilustradores dos cincuenta e sesenta están na prehistoria do cómic galego), a maior abundamento, debuxantes e publicación recibiron premios no Saló do Còmic de Barcelona. Non é a primeira vez. A revista BDBanda recibiu o Premi al Millor Fanzine no ano 2005. Este ano foron premiados Miguelanxo Prado, Gran Premio pola súa traxectoria profesional, a David Rubín déronlle o premio ao Autor revelación, 2006 e a revista Barsowia foi escollida por segundo ano consecutivo como mellor fanzine. A revista Barsowia é froito do colectivo Polaqia. Xa saben os do programa de TV3 que en Galicia hai unha proposta irmá (irmá máis vella) da que eles encetaron aquí? David Rubín é membro de Polaqia. E de Miguelanxo Prado non hai nada que dicir: emocionarse coa súa arte. Unha idea da magnitude de Miguelanxo dao o comezo co cómic “Ceci n'est pas... “, de Manuel Pardo (BDBanda, nº 6, 2005). Na primeira viñeta vese unha rúa, un home que camiña cara o primeiro plano, onde se ven as costas do que fala (presumiblemente o mesmo autor do cómic). E di: Así que este é o Miguelanxo Prado... Que cabrón!... Que dominio da cor!... Que trazo solto...!!!

Volvendo á exposición, da que todo o dito até agora forma parte, pois a historia da Banda Deseñada Galega está en Sargadelos estes días, moi recomendable ler a receita do Caldo de Cómic Galego que fai o gran Kiko da Silva no catálogo da exposición. É para saboreala, para bebela a grolos curtos, como un mencía de Córgomo, mentres se pousan os ollos nalgunhas das revistas de cómic galego. Só indicar un par de apartados da maxistral proposta: Grelos da horta de BDBanda, Lacón da granxa de Polaqia. Nin Arguiñano!!

Que falta neste campo artístico? Seguramente a profesionalización das artistas e os artistos (Poida que sexa boa esta proposta do Basilio Losada: poeta/poeto, artista/artisto...). É dicir consolidar unha industria. O cómic precisa dese soporte editorial. Por iso é unha arte industrial. As autoridades tamén están a axudar. Ánxela Bugallo (Conselleira de Cultura e Deporte) e Luís Bará (Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da mesma consellaría) estiveron na presentación da exposición de Sargadelos e mais na presentación do mostrario da banda deseñada no Saló del Còmic de Barcelona.

Nas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, no Salón Viñetas desde o Atlántico, no Salón do Cómic de Cangas, en Arteixo ou en Pontevedra poderase seguir este presente.

EXPOSICIÓN:

LA HISTORIETA GALLEGA
Galería Sargadelos
Provença, 174 (Barcelona)
Até o día 4 de maio.
Entrada de balde.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: