Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Crónica dende a 33 Feira Internacional do Libro

Ese Julio Cortázar que Bos Aires non coñecía

O escritor Francisco F. Fernández Naval sorprendeu ao público arxentino co seu libro Respirar polo idioma: Os Galegos e Julio Cortázar no que afonda sobre a intensa relación cos galeguistas exiliados en Bos Aires. Outra colaboración para Vieiros de Débora Campos.

Débora Campos - 18:08 26/04/2007

"Levo tempo familiarizada con este libro que vén encher ocos na vida de Julio Cortázar, aínda que tivo tantas biografías e tantos biógrafos", Así comezou a escritora e académica arxentina María Rosa Lojo a presentación na 33ª Feira do Libro de Bos Aires de "Respirar polo idioma: Os Galegos e Julio Cortázar", o traballo do subdirector de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Francisco F. Fernández Naval. Os rostros dos asistentes non eran quen de esconder un pouco de escepticismo: podería este home chegar a Bos Aires e desvelar algo do mítico -e sobre todo deles- creador de Rayuela? As sorpresas aínda non comezaran.

Lojo, filla dun exiliado republicano, leva anos incorporando a súa condición de galega ás súas novelas, ao seu traballo na Universidade de Bos Aires e ao que fai no Conicet (a principal axencia pública de investigación científica arxentina). Sobre o libro de Fernández Naval engadiu: "foi interesante para min saber que Cortázar foi descuberto como escritor por Arturo Cuadrado. Foi interesante reconstruír as mesas de café no Tortoni, que o autor de Los Premios compartiu cos exiliados. E foi interesante tamén saber que el viviu no piso bonaerense de Rafael Dieste e a súa dona, Carmen Muñoz".

A autora d'A fin da terra salientou que o traballo de Fernández Naval "está moi ben documentado: falou moito con Aurora Bernárdez e con Francisco (Paco) Luis Bernárdez e deixa en claro que as revistas que os exiliados fundaron en Bos Aires tiveron un papel destacado na súa vida xa que lle deron a ocasión de iniciarse". Non pasaran nin dez minutos dende o comezo da presentación e o público xa mudara completamente de actitude: a desconfianza deixara sitio á expectación. Este home chega a Bos Aires e desvela estas cousas do mítico -e sobre todo deles- creador de Rayuela! As sorpresas seguían.

Sobre o título do libro, o autor lembrou: "Na novela El examen, dous personaxes van pola cidade chea de brétemas cando entran nun bar. É un bar de galegos e un dos dous di: "Yo he descubierto que los gallegos respiran por el idioma". E eu comprobei que é así".

Entrevistado por María Rosa Lojo, Fernández Naval foi destecendo as amizades galegas de Cortázar. "Lorenzo Domínguez, profesor coma el en Cuyo e amigo, foi quen presentou ao autor de Rayuela aos galegos exiliados. Polas cartas posteriores se pode dicir que quen primeiro se decata de que está diante dun gran escritor é Arturo Cuadrado, que leva o seu conto Bruja á revista Correo Literario", desvelou o subdirector de Creación e Difusión Cultural da Xunta.

E diante dun atentísimo auditorio que non saía do seu asombro, engadiu: "De feito, Cuadrado puido ser non só un dos primeiros en publicar os seus contos, senón que tamén o primeiro en editar un libro seu. Cortázar déralle un feixe de contos que Arturo Cuadrado tardaba en publicar. Cando finalmente estivo en condicións de facelo, o arxentino pediu que xa non o fixera porque os contos quedaran vellos. O libro era Bestiario", dixo Fernández Naval e o seu silencio encheuse de pensamentos axitados nas mentes do público.

Tamén falou o funcionario de Rafael Dieste. "Cortázar viviu un ano no piso dos Dieste en Bos Aires. Hai evidencia de que -aínda antes de coñecer a Aurora Bernárdez- Cortázar xa lera a obra de Dieste. De feito comparten o concepto do que é un conto e iso pode velo calquera que lea o prólogo de Os arquivos do trasno e as posteriores declaracións do autor de Los premios que, 40 anos despois, aínda entende o conto do mesmo xeito", sinalou.

Fernández Naval non deixou de falar da emoción de estar en Bos Aires: "Esta cidade está chea de circunstancias que, de feito, deron como consecuencia un autor como Julio Cortázar. Hoxe, baixo un dioivo tremendo, decidín xantar nun bar ao que nunca antes entrara e que fica precisamente ao lado do hotel no que sempre paro. Atopei alí a unha muller coa que falara unhas poucas palabras no aeroporto e que, durante a comida, me confesou que fora amiga de Cortázar. Nese momento souben que hoxe esta presentación sairíame ben", rematou. E todos os que alí estaban saíron bébedos de sorpresa e maxia.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: