Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Na Gentalha do Pichel e no Monte da Condesa.

Compostela celebra o 25 de abril con cinema

Estes días contaremos cunha serie de proxeccións que nos achegarán á lusofonía e ao propio 25 de abril: a Gentalha do Pichel presenta un documental e na Residencia Monte da Condesa coñeceremos de preto os cinema angolano, brasileiro e portugués.

Redacción - 18:24 24/04/2007
Cartel da Gentalha

Cartel da Gentalha

A Gentalha do Pichel celebra o 25 de abril coa proxección dun documental estreado un ano despois da Revolução dos Cravos: As armas e o povo, do Sindicato de trabalhadores e trabalhadoras da produção de cinema e televisão, é un filme colectivo que cobre os acontecementos dende o 25 de abril ao 1 de maio d 1974. Participaron Alberte Seixas Santos ou Glauber Rocha, entre outros.

Creouse con material filmado disperso, agrupándoo en acontecementos, manifestacións, inquéritos entre a poboación... Dez equipos de traballo repartíronse Lisboa e comezaron a gravar. A montaxe definitiva adiouse en varias ocasións, ao ter que ser consensuada entre todos os cineastas. Recoñécense catro momentos diferentes: o 25 e os días seguintes, a liberación dos presos políticos, as entrevistas de Glauber Rocha e as conmemoracións do 1º de maio no país novo. Eran unha xeración moi inspirada por Eisenstein, e a construción dos significados na montaxe: o simbolismo dos “cravos”, do V de vitoria, e mesmo dos nenos, como icona do futuro novo, mestúranse co son directo, e por veces voz en off.

As olladas da lusofonía

Por outra banda, na Residencia Universitaria Monte da Condesa gozaremos dun ciclo que dá comezo o propio 25 co filme angolano Comboio da Canhoca de Orlando Fortunato de Oliveira, unha intensa historia de brutalidade colonial: unhas persoas son detidas polas autoridades coloniais portuguesas na provincia de Malanje en 1957, o vagón do tren no que viaxan sóltase, e pérdense. O filme será introducido por Manaça Domingo Joaquim, profesor lector de Literatura Africana, a partir das 20.30.

O día seguinte, á mesma hora, é a quenda do Brasil: Zuzu Angel, de Sergio Rezende, conta a historia real da famosa modista Zuzu Angel cando o seu fillo Stuart, membro do movemento estudantil, é asasinado pola ditadura. Tomou a súa arma de expresión, a moda, para amosar o que estaba acontecendo no seu país, e comezaron as ameazas de morte para ela. Presenta o filme o profesor lector de cultura brasileira en Filoloxía, Luciano M. de Paula. Péchase o ciclo con Coisa ruim, de Tiago Guedes e Federico Sierra, que abriu o Fantasporto o ano pasado, introducido polo profesor lector de Filoloxía Portuguesa e Director do Instituto Camões en Galiza, Samuel Rego. Despois de proxección, como clausura, haberá unha degustación de pratos brasileiros, portugueses e africanos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: