Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta semana en Compostela e Vigo

Jarauta e Cassen continúan 'Os latexos do mundo'

O Club Internacional de Prensa continúa con este ciclo, convidando a persoeiros que nos farán achegas ben interesantes en torno á situación política do mundo actual. Esta seman contaremos co catedrático de filosofía Francisco Jarauta e o director de Le Monde Diplomatique, Bernard Cassen.

Redacción - 13:06 24/04/2007
Francisco Jarauta

Francisco Jarauta

A Fundación Caixa Galicia acolle este martes 24 de abril, ás 20:00, a conferencia do Catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia Francisco Jarauta, “Os desafíos do mundo contemporáneo”. Introducido polo catedrático de Filosofía da USC, Ramón Máiz lembrará o 11 de setembro, e as novas situacións de conflito. “Dar unha solución militar aos problemas políticos deixou de ser unha estratexia coherente dende que na historia moderna puido pensarse a política coma un sistema de relacións e mediacións fronte a calquera escenario de confrontación”. Para Jarauta, estamos nunha etapa de déficit político, na que a febleza dos organismos internacionais non é quen de responder aos problemas do mundo fronte á maquinaria de intereses estratéxicos. Apela á necesidade de novos dispositivos políticos que nos permitan avanzar cara ao cosmopolitismo, na vez de cara a unha polarización unilateral do mundo.

Xa o xoves, contaremos co Director Xeral de Le Monde Diplomatique e fundador de ATTAC (Asociación por unha Taxa sobre as Transaccións especulativa para a Axuda ós Cidadáns), Bernard Cassen, quen vén de París para respondernos á pregunta “Protéxenos Europa dos perigos da globalización?”. O día 26 estará na Aula Sociocultural Caixa Galicia Compostelá, e ao día seguinte na de Vigo, ás 20.00 en ambos os dous casos. Abordará o rexeitamento, manifesto nos “non” á Constitución de Francia e Holanda, ás políticas neoliberais da Unión Europea. “Este modelo, formalizado no “acordo de Washington” ó comezo dos anos 90, provoca estragos sociais non soamente nos países do sur, senón tamén nos do norte: crecemento das desigualdades, desmantelamento dos servizos públicos, destrución do medio ambiente, ditadura dos accionistas en detrimento dos asalariados. Lonxe de loitar contra o dumping social, fiscal e ecolóxico, a Unión Europea favoréceo no seu propio beneficio así como nas súas relacións con terceiros países. Para recuperar a confianza dos cidadáns, o proxecto europeo debe ser radicalmente repensado e primar os valores de solidariedade e cooperación”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: