Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
DÚAS OFERTAS ENRIBA DA MESA

Unha empresa local e outra americana poxan polas instalacións de La Toja en Culleredo

Henkel quere chegar a un acordo cos traballadores e pechar a venda do complexo este mesmo mes.

Redacción - 19:18 16/04/2007
Xulio Sacristán, á dereita, nunha reunión co ex conselleiro Santiso Miramontes / Foto: terrasdasmarinas.org

Xulio Sacristán, á dereita, nunha reunión co ex conselleiro Santiso Miramontes / Foto: terrasdasmarinas.org

A solución definitiva para os traballadores da fábrica de La Toja en Culleredo pode chegar nas vindeiras semanas. A empresa propietaria ten dúas ofertas firmes enriba da mesa para a compra das instalacións. Segundo fontes consultadas por Vieiros, un dos empresarios interesados é da mesma comarca e xa se tería posto en contacto dende o anuncio do peche co Concello de Culleredo e logo coa Xunta. Porén, nas últimas semanas un intermediario, que representa a unha empresa americana do mesmo ramo ca Henkel, dirixuse á Xunta para expresar a súa intención de entrar na poxa. De feito, tres consellarías buscan solución á crise: Economía, Traballo e Industria.

Esta última oferta suporía a recolocación da maior parte dos 148 traballadores que quedarán na rúa a finais deste ano. Pola súa parte, a empresa local, que desenvolve unha actividade moi diferente, garante que se lle dará traballo a un mínimo de 45 operarios. Mentres, os representantes dos traballadores confían nunha saída digna para a crise. As negociacións están moi avanzadas e a multinacional alemana está disposta a ceder para que haxa o máximo de prexubilacións posíbeis.

Críticas do BNG

Pola súa parte, o BNG de Culleredo criticou o "secretismo" co que está a levar o asunto o alcalde, Xulio Sacristán (PSdeG). Segundo os nacionalistas, o rexedor non lle está a proporcionar información aos grupos da oposición, tal e como se comprometera. A concelleira Raquel Jabares coida que o mandatario local está a xogar cun grave problema laboral de xeito "electoralista".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: