Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Admitida a trámite a petición cidadá

A UE investigará as irregularidades do proxecto de porto deportivo no Salgueirón

Avanza un novo paso a loita do Foro Social de Cangas, que solicitara a actuación da UE polo que cualifican de "flagrante desprecio" e incumprimento das normas ambientais europeas.

Redacción - 13:20 04/04/2007

O Foro Social de Cangas pedíralle ao Parlamento Europeo que tramitase a súa queixa sobre o proxecto de porto deportivo no Salgueirón, en Cangas, no contorno das instalacións da vella conserveira Massó, estudando o conflito e no seu caso adoptando as medidas necesarias para "restabelecer a legalidade". A lista de irregularidades inclúe o presunto ocultamento de datos, falseamento ou "manipulación maliciosa" e a denuncia do inicio das obras sen cumprir o requirimento de avaliación ambiental.


A Comisión de Peticións do Europarlamento aceptou investigar o caso. O proceso que agora se inicia podería mesmo incluír o envío de eurodeputados membros da comisión a Galiza para estudar os feitos. En función das conclusións da Comisión de Peticións, a Comisión Europea pode contactar directamente ao goberno español para que o ministerio de Fomento corrixa a actuación ou incluso incoar un procedemento de infración que dea nunha sentenza dos tribunais europeos.

O "calote" do informe ambiental
O chamado proxecto de "remodelación e adecuación ambiental" das instalacións portuarias da factoría Massó cara a "usos náuticos-recreativos" fora aprobado no seu momento pola Autoridade Portuaria de Vigo, dependente do Ministerio de Fomento, que outorgara concesión á empresa Residencial Marina Atlántica SA.

Nun só día fíxose un proxecto recollendo as suxerencias contidas nas consultas aos organismos afectados, fíxose o estudo de impacto ambiental dese proxecto e dispúxose no BOE a súa exposición pública. Tal misteriosa velocidade burocrática é subliñada polo Foro Social de Cangas na documentación enviada á administración europea.

O colectivo recorda ademais que o informe de impacto ambiental que está no expediente do proxecto na Autoridade Portuaria de Vigo "carece de rexistro de entrada" que demostre que os promotores fixesen entrega real do documento, ademais de non ter selo do colexio profesional correspondente. Tampouco existe certificado de que estivese "realmente" a exposición pública.

Por outra parte, destácase o informe "expresamente desfavorábel" realizado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca da Xunta. O estudo do goberno galego critica que lle afecta negativamente a bancos pesqueiros e marisqueiros.


Documentos

Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: