Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nunha xornada con empresarios na Toxa

Touriño: “O galego vende, en galego véndese, e véndese ben”

O presidente do goberno sinalou que "a utilización comercial e empresarial da lingua do país concita unha moi maioritaria aceptación por parte dos consumidores".

Redacción - 10:48 30/03/2007

O presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o idioma é o “máis importante e visíbel elemento singularizador” do país, e que a “marca Galiza” ofrece un “cúmulo de significados e connotacións de atractivo simbólico e alto potencial comercial”.

Touriño fixo estas declaracións o pasado xoves na clausura da xornada O papel das Identidades no marco da economía globalizada, organizada na Toxa polo Foro Enrique Peinador.

O titular da Xunta reivindicou o “valor económico” da lingua do país, e asegurou que “é momento de dicir que o galego non é só un valor cultural de extraordinaria magnitude” senón tamén “unha industria” e “un mercado”. “É o momento de dicir que o galego vende e que en galego se vende, e que se vende ben”, declarou o presidente.

Galiza
, marca diferenciada

Na súa opinión, a “utilización da identidade como elemento integrante da imaxe de marca é un concepto máis amplo”, e invitou aos empresarios asistentes a afondar na “experimentación creativa” e na “modernización icónica”, para desvincular a Galiza de “imaxes trasnoitadas, tópicos sobrepasados e anacrónicos”.

"Galiza ten un lugar na economía mundial e no mundo globalizado", dixo Pérez Touriño e resaltou, neste sentido, que "dicir Galiza é dicir diferenza, orixe, procedencia, lugar". O presidente galego apostou por afondar nesta “singularidade positiva” porque “funciona” tanto no mercado interno como fóra das nosas fronteiras.

Uso comercial do galego

"Chegou o momento de ir máis aló do sentimental, do afectivo e do identitario per se, para achegármonos tamén ao terreo do pragmático, do comercial e do económico”, sinalou Touriño.

Neste contexto, referiuse a aposta dalgunhas empresas galegas polo emprego do idioma como “compoñente distintivo da súa imaxe de marca”, e asegurou que o seu “éxito é unha demostración moi clara de que a utilización comercial e empresarial da lingua galega concita unha moi maioritaria aceptación por parte dos consumidores”.

Boa marcha da economía

O presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño, salientou que a boa marcha da economía galega permitiu reducir nos últimos dous anos o diferencial coa renda media europea en tres puntos, un dato que sitúa o país "na senda axeitada para acadar a converxencia".

Alí, incidiu en que Galiza liderou o crecemento económico no Estado en 2006, ao aumentar o seu PIB un 4,1%, dúas décimas por enriba da media estatal, que se situou no 3,9%, e máis dun punto por riba da europea, que acadou o 2,9%.

Reforzar o I+D+i

Segundo explicou o titular da Xunta, este tirón é debido ao "extraordinario comportamento da produción enerxética", "á fabricación de material de transporte e da industria téxtil, ademais do sector servizos ou o naval" e o "bo comportamento do sector exterior".

Ademais, dixo que a boa marcha dos indicadores económicos está sustentada no saneamento do mercado laboral, onde Galiza pechou 2006 cunha creación de 33.000 novos empregos e unha suba do 37% da contratación indefinida.

O xefe do Executivo puxo o acento na necesidade de consolidar a boa marcha da economía do país. Para isto, "cómpre reforzar a aposta pola innovación, o desenvolvemento e a investigación (I+D+i), así como pola formación do capital humano como recursos necesarios para incorporar definitivamente a Galiza na sociedade do coñecemento".


4.78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: