Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O urbanismo protagonista das precampañas

Cruce de ladrillos antes das urnas

Arrepoñerse ás críticas, posibilidade de pacto, defensa de modelos de boas prácticas... Diferentes estratexias en materia urbanística desde PPdeG, PSdeG e BNG.

Redacción - 09:00 26/03/2007

A campaña "tranquila" que Alberte Núñez Feijoo lles recomendaba aos seus candidatos para as alcaldías galegas non inclúe baixar os biorritmos en materia urbanística. Para esa área, onde a actualidade recente zoupa duro en alcaldes e concelleiros populares nos últimos tempos, as recomendacións do líder do PPdeG non inclúen afrouxar a belixerancia dos discursos. Na arenga de Feijoo aos alcaldes e alcaldábeis de seu partido, insistiulles en que non se amedrentasen diante dos ataques dos rivais.

Con todo, o PPdeG non chegaba con iniciativas concretas nun área que se está amosando clave nas preocupacións cidadáns nos meses previos ao paso polas urnas. Feijoo subliñou a necesidade de "contundencia" na defensa contra as "ofensas" e acusacións lanzadas polos rivais políticos. Paradoxalmente, fronte a ese desafío, e na escenificación do poder municipal do partido, a dirección popular amosou que aínda non produciu proposta conxunta ningunha coa que garantirlle munición aos programas dos seus candidatos.

Touriño convida a un "pacto"
Contra o "imperio" do ladrillo pronunciouse esta fin de semana Emilio Pérez Touriño. Falou o líder dos socialistas galegos de conseguir que o urbanismo "deixe de estar ao servizo duns poucos e pase a estar ao servizo da cidadanía".

Malia iso, o pacto contra os excesos urbanísticos insinuado polo secretario xeral do PSdeG sería unha posibilidade a estudar á volta das urnas, e logo de que os votos definisen os equilibrios de poder entre as formacións políticas. Durante a súa intervención en Pontevedra, onde se presentaba oficialmente a candidata socialista á alcaldía, Teresa Casal, referiuse Touriño á "mestura de intereses particulares e política" que na súa opinión representan persoas coma o ex alcalde de Sanxenxo e candidato popular na cidade do Lérez. Na súa opinión, os socialistas conseguirán rematar co reinado do ladrillo".

O BNG defende o exemplo urbanístico dos gobernos nacionalistas
Na propia cidade de Pontevedra, o alcalde e candidato do BNG a repetir á fronte do Concello, Miguel Anxo Fernández Lores, lembraba esta fin de semana que o Bloque é a única das tres grandes formacións políticas que non sofre de denuncias urbanísticas. En entrevista con Europa Press, destacou Lores que o "proxecto de país" dos nacionalistas garantiu a defensa dos cidadáns fronte á presión de intereses privados. Subliñou o rexedor pontevedrés que o BNG é o único que non está relacionado con casos de corrupción urbanística e denunciou as "barbaridades" cometidas nesa materia polo candidato do PPdeG na cidade.

Por outra parte, durante a mesma xornada, o líder do BNG, Anxo Quintana, aproveitou tamén para subliñar a "honestidade urbanística" do BNG fronte á corrupción en concellos gobernados por outros grupos. Quintana facía estas declaracións na presentación de Antonio Araúxo, candidato do Bloque en Gondomar, e lembrou os casos de irregularidades urbanísticas acontecidos na zona. Insistiu en que o urbanismo "responsábel" defendido polo BNG "non implica deixar de construír, senón construír ordenadamente e con seguridade xurídica".


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: