Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta fin de semana no Auditorio de Galicia

Feminismo: vellos temas, novos retos

Este congreso organizado polo Servizo Galego de Igualdade servirá para debatermos, ao longo de tres xornadas, temáticas de interese e actualidade para o feminismo en Galiza: políticas públicas, sindicalismo, ecofeminismo, violencia de xénero, ou movementos internacionais das mulleres.

Redacción - 13:20 22/03/2007

O simposio desenvolverase dende o venres 23 até o domingo 25 no Auditorio de Galicia. Logo da inauguración a cargo do vicepresidente da Xunta, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, falará sobre o 'Mainstreaming de xénero nas políticas públicas', un tema que xa nos adiantou en Vieiros nunha entrevista. O panel de experiencias 'Orzamentos públicos con perspectiva de xénero', coa profesora de economía política Paloma de Villota Gil-Escoín e máis Elena Marín Bracho, do Instituto Andaluz da Muller, ás 12.30, completan a sesión da mañá do venres. Á tarde teremos tres perspectivas de diversas partes do mundo sobre políticas públicas de igualdade: Claudia S. Marques Rodrigues, do Instituto Cabo-verdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero, Lucia Basso, Consigliera regionale di Parità del Veneto, e Elena Ponte, Secretaría da Muller da Intendencia Municipal de Montevideo. Remata o día cunha actuación musical a cargo de Taravela.

Xa o sábado achegarémonos ao feminismo nas universidades galegas: Purificación Mayobre Rodríguez dende Vigo, Rosa Cobo Bedía pola Universidade da Coruña e Ana Porto Castro da USC. A seguir, dúas profesoras de filosofía moral achégannos aos ecofeminismos na era da globalización: Mª José Guerra Palmero, da Laguna, moderada por Mª Xosé Agra Romero, da USC. Á tarde, Lidia Senra Rodríguez. Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e Ánxeles Arias Miño. Secretaria de Muller da UXT Vigo, falaránnos de experiencias sindicais, e Rosa Fontaíña Pazos, da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, e máis Fatma Mohamed Salem, das Mulleres Saharauis, de violencia. Remata a xornada un monólogo de María Inés Cuadrado.

Pechan este congreso dúas experiencias relacionadas cun movemento feminista internacional: a Marcha Mundial das Mulleres. Dende Galiza, Lupe Ces Riobóo, e Miriam Nobre dende o Brasil. Despois, Amelia Valcárcel, feminista histórica e catedrática de filosofía moral na UNED. Clausura o acto Ana Luísa Bouza Santiago, directora do SGI. Pódese consultar o programa en detalle na web do Servizo Galego de Igualdade. Paralelamente a este congreso, haberá dúas exposicións no Auditorio: unha que conmemora os vinte e catro anos da revista Andaina, e outra sobre mulleres galegas, organizada pola Secretaría xeral da Igualdade.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: