Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na carreira ás municipais

Reproches entre PSOE e PP polo investimento en "axentes electorais"

O PP di que o PSOE ofrece unha cantidade fixa e incentivos a maiores "por voto conseguido". Os socialistas cualifican de "broma" a acusación.

Redacción - 09:00 20/03/2007

O PPdeG organizou este luns unha conferencia de prensa para entregarlle aos medios un documento que segundo os populares "proba que o PSOE estálle pagando a axentes electorais en Bos Aires para que tramiten o voto de emigrantes galegos e consigan que voten polo PSOE". Trátase da copia dun correo electrónico enviado por Xavier Castelo Mosquera, candidato socialista á alcaldía pontevedresa de Vila de Cruces, a Carlos Fernández, responsábel de comunicación do PSOE en Bos Aires.

Afirman desde o PPdeG que con este documento responden ao desafío dos socialistas, que lle pediran ao PP que presentase probas da acusación de fraude co voto emigrante. Aseguran ademais que o documento lles foi enviado por xente do contorno do PSOE arxentino "en profundo desacordo co seu contido".

Transcripción do correo
O mail entregado á prensa di o seguinte: "Ola Carlos, grazas por contestar tan rápido. O do alcalde, ten un pouco de paciencia, hai que esperar a maio, despois xa o celebraremos. Queríache comentar unha cousa que estivemos tratando Bruno, Rafa e máis eu, e é a posibilidade de contratar a un axente electoral aí, en Bos Aires, para que visite a todos os votantes incluídos no CERA de Bos Aires. O tipo de retribución sería unha cantidade fixa e logo un incentivo por número de votos recibidos, que che parece? As cantidades sería unha cousa que nos terías que indicar ti, xa sabes contamos con moi poucos fondos, pero sería cuestión de esforzarse un pouco se realmente merecese a pena. Estuda o asunto e cóntasnos vale?. Un saúdo".

Rego di que o PP "está nervioso"
En resposta á acusación, o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, cualificaba na tarde do luns de "brincadeira de Louzán" a denuncia do PPdeG. "Claro que temos axentes electorais", confirmaba Rego, "pero financiámolos con recursos do noso partido", subliñaba.

Rego explicou que mentres que o candidato socialista á alcaldía de Vila de Cruces "non cometeu ningún tipo de irregularidade", o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "financiou con recursos de todos os cidadáns de Pontevedra os axentes electorais do PP no exterior". O socialista lembrou a recente viaxe de Louzán a Latinoamérica e indicou que o responsábel da institución pontevedresa "intentou secuestrar fotocopias dos pasaportes das persoas que acoden aos seus actos e sinaturas, ou sexa, cheques en branco para poder despois secuestrar o voto dos cidadáns".

O BNG critica a "falta de vontade" de PP e PSOE
"O CERA segue cheo de irregularidades e inexactitudes", queixouse este luns o voceiro do BNG no Parlamento. Carlos Aymerich sinalou que neste censo de residentes ausentes seguen inscritos moitos emigrantes que vivían fóra e que agora xa están de volta en Galiza, e repasou algunhas das irregularidades que son mostra de que é "campo aboado para corruptelas".

Insistiu Aymerich en que para asegurar a limpeza das municipais os votantes deberan acreditar o seu vencello co municipio onde están inscritos e queixouse de que socialistas e populares amosan ter pouca presa en cambiar a lei para eliminar as irregularidades.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: