Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Sinatura histórica

Galiza, Euskadi e Cataluña acordan normalizar o plurilingüismo

Os gobernos galego, vasco e catalán pediron este venres ao español que "asuma o carácter plurilingüe do Estado" e utilice estes idiomas nas Institucións e empresas públicas.

Redacción - 14:47 16/03/2007

Os Executivos de Galiza, Euskadi e Cataluña asinaron este venres en Bilbao un protocolo de colaboración en materia de políticas lingüísticas a prol da normalización, "que permita a creación dun marco estábel e permanente", para intercambiaren experiencias neste eido.

O acordo, cunha duración de tres anos, foi rubricado en Bilbao pola secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López, polo viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika, e polo secretario de Política Lingüística da Generalitat, Miguel Pueyo. Os tres salientaron o cariz "histórico" do acto, dado que se trata da primeira vez que os tres gobernos asinan un acordo conxunto nesta materia.

Realidades diferentes

Baztarrika sinalou que, malia teren Galiza, Euskadi e Cataluña "realidades sociolingüísticas diferentes", todos eles están "fortemente comprometidos" coa normalización, e salientou "o valor que supón a colaboración entre os tres poderes públicos".

"Malia estarmos nunha sociedade plurilingüe", o Estado segue sendo monolingüe, "xa que estas linguas oficiais non se utilizan nas administracións periféricas do Estado".

Ademais, explicou que, a través deste convenio impulsarase tamén o uso do euskera, catalán e galego en institucións lexislativas, na Xustiza, nas empresas públicas (como Renfe e Correos), nos medios de comunicación públicos e no sistema educativo. Neste senso, resaltou que non piden máis que "o que está marcado pola Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias".

Fonte de riqueza

O viceconselleiro do Goberno vasco, resaltou que "non se debe malinterpretar" esta iniciativa, posto que "o plurilingüismo é unha fonte de riqueza". "Este proceso non vai en contra de ninguén, nin contra nada, e tampouco é unha loita contra o castelán, nin moito menos," dixo.

No protocolo, os tres Executivos sinalan que o 40% da poboación do Estado vive en comunidades cunha lingua distinta do castelán. No marco deste acordo, crearase unha comisión de seguimento formada polos responsábeis en materia de política lingüística.

Ademais, vaise promover o ensino da historia e o carácter tradicional de galego, euskera e catalán no Estado, así como tamén o ensino destas linguas nas universidades.


3,57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: