Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O Consello de goberno aprobou a medida

Cataluña proponlle ao COI uns Xogos Olímpicos para "territorios sen Estado"

O vicepresidente catalán entrevistouse o martes co mandatario do COI para lle presentar a iniciativa. CiU oponse a participar en eventos de "segunda categoría".

Redacción - 19:10 13/03/2007

O presidente do goberno de Cataluña, José Montilla, anunciou este martes que a Generalitat presentou no Comité Olímpico Internacional (COI) unha proposta para impulsaren conxuntamente uns "xogos olímpicos de países deportivos".

O vicepresidente catalán Josep Lluís Carod-Rovira foi o encargado de se entrevistar co presidente do COI, o belga Jacques Rogge, en Lausanne (Suiza) este mesmo martes. Montilla recordou que a Carta Olímpica modificouse en 1997 para que só os Estados puidesen participar nas Olimpiadas, polo que Cataluña desexa impulsar uns xogos de nova creación, onde poidan competir outras "realidades nacionais" que carezan dun de seu.

Montilla asegurou que a entrevista de Carod con Rogge conta co apoio do ex-presidente do COI Juan Antonio Samaranch. Ademais, sinalou que a iniciativa da Generalitat realízase "no marco da legalidade internacional", e do que estabelecen a Carta Olímpica e as federacións internacionais.

Rexeitamento da oposición

O líder de CiU, Artur Mas, rexeitou a proposta de que Cataluña participe en eventos deportivos internacionais "de segunda categoría". Mas recordou que teñen equipos de primeiro nivel, e citou concretamente o fútbol e o hockey sobre patíns.

Neste senso, expresou o seu desexo de que Cataluña estea presente en competicións oficiais con selección propia, mais viu de xeito desfavorábel que "vaiamos competir na Segunda división de practicamente todo". Por último, engadiu que non tiñan por que se limitar a participar con seleccións como "Flandres, Escocia, Quebec ou Illas Feroe".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: