Unha fundación participada polo Ministerio de Industria e xigantes como Microsoft ou Intel distingue unha iniciativa galega para formar mulleres do rural
O coordinador da iniciativa , Juan José Cerdeira, destaca que “o proxecto Puentes xa formou a 300 mulleres, que serán 500 ao final de ano”. As alumnas non reciben cursos especificamente sobre novas tecnoloxías. Trátase dun programa de inserción laboral en profesións con demanda -por exemplo, coidadoras de persoas maiores – no que tamén se lles ensina a sacarlle partido á informática.
“En moitos casos é a primeira vez que acenden un computador”, indica Cerdeira, quen se lamenta das dificultades que teñen para atopar instalacións adecuadas nas que impartir os cursos nalgúns concellos.
DNI dixital para todas
Ademais de formación durante cinco meses, as mulleres reciben unha “bolsa tecnolóxica”. O importe desta axuda -máis de cens euros mensuais- é igual ao dun microcrédito, que teñen que investir nun computador portátil. Así as traballadoras poden seguir usando os coñecementos sobre informática que aprenden nos cursos unha vez finalizados estes. Ademais, todas as participantes obteñen o novo DNI electrónico e aprenden a usalo en internet, segundo Cerdeira, director da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación de Ourense.
Para chegar a ser un dos tres finalistas, o proxecto “Puentes” tivo que competir con outras trinta candidaturas na categoría “Mellor proxecto da Administración Pública destinada a Cidadáns". A Axencia do Coñecemento e da Tecnoloxía da Rioxa e a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos son os rivais que debe superar. O próximo 20 de marzo en Madrid fallaranse os galardóns, nos que existen outras tres categorías.
A Fundación Fundetec está participada a igual partes polo Estado -a través do Ministerio de Industria, e importantes empresas, a maioría delas (Microsoft, Intel, HP, etc.) multinacionais relacionadas coas novas tecnoloxías.