Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PULSO ÁS NOVAS POLÍTICAS DE MEDIO RURAL EN PONTEVEDRA

Grupos "mafiosos" boicotean a extracción de madeira queimada

Máquinas de tres empresas da madeira sufriron graves ataques nas últimas semanas en Cotobade. Os empresarios están a ser ameazados telefonicamente. Segundo puido saber Vieiros, as causas poden estar nos cambios introducidos nas poxas da madeira, que están a crear un profundo malestar en determinados sectores. Na orixe estarían as medidas impulsadas por Medio Rural logo da crise incendiaria do pasado verán.

Redacción - 16:59 01/03/2007

Entre o 11 de febreiro e o 26 de febreiro, tres empresas madeiristas que traballan na extracción de madeira no municipio de Cotobade sufriron importantes sabotaxes. Os danos nas máquinas sobrepasan os 320.000 euros. Do xeito de proceder dos delincuentes dedúcese que coñecen á perfección o funcionamento da maquinaria. Mais as presións non quedaron aí. Algún dos empresarios agredidos incluso chegou a recibir ameazas de morte por teléfono.

Segundo puido saber este xornal, hai indicios de que o acontecido en Cotobade non foi nin moito menos un feito illado. Os tres empresarios que sufriron o ataque teñen en común que proceden de fóra da provincia de Pontevedra (Lugo, Ourense e Portugal) e que é a primeira vez que traballan na zona. As empresas, ao igual que outras, presentáronse ás poxas que impulsa Medio Rural e algunhas comunidades de montes para rachar o "monopolio" que existía en anos anteriores.

Estaban pagando até cinco veces máis
Os lotes de madeira queimada están a se pagar máis este ano. Algún dos empresarios atacados ofreceu 6.000 euros por lotes polos que outros non ofrecían máis de 1.200. Medio Rural destacaba este feito como un logro que aumentaba a transparencia da venda de madeira queimada. Aínda así, dende o primeiro momento, a consellaría atopou fortes atrancos do sector que deixou desertos moitos dos lotes da administración. Para algúns, a nova postura da Xunta era unha clara "inxerencia" no negocio propio. Diante da falta de empresas na poxa, a consellaría seguiu adiante e utilizou a figura do procedemento negociado e incluso a da adxudicación directa cando ningunha das dúas fórmulas anteriores funcionaba.

O problema é vello. Diferentes asociacións ecoloxistas teñen denunciado publicamente que detrás da compra de madeira queimada hai un gran negocio. Logo dos incendios que se producían cada verán, o exceso de árbores que había que extraer permitía pagarlle aos propietarios prezos sensibelmente máis baixos ca os reais. De feito, estes colectivos pedíronlle publicamente a Medio Rural que vixiara este proceso para garantir un prezo xusto e evitar así que os intermediarios puideran lucrarse a conta dos lumes. O departamento de Suárez Canal comprometeuse a abordar o problema.

Dos 600.000 metros cúbicos de madeira queimada sobre os que a consellaría tiña voz e voto, 400.000 estaban xa na provincia de Pontevedra; pese ás reticencias de moitas empresas, Medio Rural e as comunidades de montes consorciadas en Pontevedra xa lograron que se adxudicaran 300.000 metros cúbicos mediante procedementos transparentes.

Un pulso importante
Aínda que non o recoñecen de forma pública, as autoridades de Medio Rural teñen claro que se están a enfrontar a forte pulso na provincia de Pontevedra. A causa serían ás medidas impulsadas pola Xunta logo da crise incendiaria do pasado verán. O propio conselleiro tivo unha reunión cos empresarios ameazados para pedirlles que non abandonasen as tarefas e mostrarlle o pleno apoio do goberno. Ademais, Suárez Canal demandou axuda á Delegación do Goberno e nestes momentos hai corpos de seguridade investigando de xeito exclusivo os últimos atentados.

A gravidade dos feitos denunciados fixo que o director xeral de Montes, Alberte Blanco, comparecera este xoves en San Caetano diante de numerosos xornalistas. Blanco falou abertamente de "prácticas mafiosas" e apuntou a "xente que sabe moi ben o que está a facer". Diante das constantes preguntas dos medios, Blanco foi prudente ao afirmar que se trata dun asunto "moi localizado" na comarca de Pontevedra e máis concretamente na zona de Cotobade.

Porén, segundo puido saber Vieiros, as presións tamén se están a producir noutros municipios pontevedreses e sospéitase de que existe unha trama organizada, da que non se quere falar abertamente mentres continúen as xestións policiais.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: