Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRO ANIVERSARIO DE "GALICIA ENCANTADA"

Antonio Reigosa: "queremos facer visíbel ese patrimonio do noso imaxinario colectivo"

Non sabemos se a falta doutras menciñas nestes tempos de alarmas de peste aviaria sería bo ir botarlle un grolo á fonte Tenedoira, na parroquia de Quende, en Abadín, e descoñecemos se as probabilidades de que nos caia do ceo un golpe de millóns coma a un, aínda non identificado veciño de Zas son maiores ou menores das que temos de atopar o carro de ouro de San Tomé de Felpós, en Palas de Rei. En todo caso, destes e outros misterios, así coma de alicornios, cabradouros, nubeiros e outras herbas de curar e botar meigallo temos pista no portal Galicia Encantada, que cumpre estes días un ano de vida. Antonio Reigosa, creador e coordinador de contidos desta "Enciclopedia Virtual da Fantasía popular de Galiza", cóntanos do proxecto.

Roberto Noguerol - 09:45 22/02/2006
Tags:

De onde nace este enciclopédico e ambicioso proxecto?
A idea xorde da necesidade de buscar canles para difundir o noso imaxinario popular. A xenerosidade de Manuel Fernández Pardo, de Desarrollos Lugonet, puxo os medios e tratamos de aproveitalos.

Escoitamos xa demasiadas veces que a tradición morre, que non ten remedio. Sabemos que hai incluso quen se aleda e quen, tendo pesar, dá por feito o esmorecemento do tradicional como algo natural. Sen embargo, nós cremos que a tradición non vai morrer nunca. Mudará, perderá contidos,
adaptarase aos tempos, pero é consustancial co devir humano. Agora, a tecnoloxía ofrécenos a posibilidade de sermos moitos os que compartamos unha ilusión e hai que aproveitalo.

Que volume de documentos xuntades xa?
Aproximámonos xa aos 600 documentos, unha insignificancia se temos en conta os milleiros de referencias que aínda quedan por incluír.

Agora incorporades tamén textos de creación inspirados na tradición oral, tedes algunha iniciativa especial para o ano que vén?
A sección que denominamos "Área Recreativa" ten dous obxectivos; o primeiro, ofrecer a posibilidade de publicar creación ou, se se quere, recreación a partir da tradición oral, e outro, e máis importante, evidenciar quen son os verdadeiros portadores e animadores da tradición.

Calquera, cun mínimo de sensibilidade pode intentar que a tradición se renove. Se hai sorte, pode que algunha destas propostas entre a formar parte da tradición e permaneza nela moito tempo.

Por outra parte, nos próximos meses temos intención de acrecentar con novas propostas a Sección "Didáctica da Fantasía" e tamén tratar de atraer novos traballos de Investigación. Ademais, gustaríanos que algún dos magníficos ilustradores que hai en Galicia se sumen ao proxecto, pondo caras aos nosos seres imaxinarios como xa fixo con excelentes viñetas Noemí López.

Os científicos andan revoltos co achado hai pouco dun "mundo perdido" en Papúa Nova Guínea... novas e exóticas especies na porta do século XXI... hai un exótico e descoñecido mundo aínda por descubrir na Galiza Encantada?
Sempre hai algo novo que descubrir. Non van ser, necesariamente, terras para conquistar ou especies nunca antes vistas. En todo caso, nunca antes vistas por quen? O que é novo para uns, é vello para outros.

Hai un par de anos descubríanse na Illa das Flores restos dun homínido anano, chamado Ebu gogo polos nativos. Un anano que se parecía moito á Xente Cativa, aos ananos e a algúns mouros da nosa tradición. Alí considerábanse seres míticos, fantasías do pobo, e , sen embargo, resultou que foran reais. Si, en Galicia tamén hai moito misterio que descubrir como, por exemplo, se lles facemos caso ás lendas, centos de mouras encantadas agardando polo galán que se atreva a desencantalas.

Está todo estudado nisto da Galiza máxica ou sorpréndese vostedes aínda das achegas que reciben? Cal é o balanzo da colaboración no proxecto?
Pregonar que estaba todo estudado fíxonos moito dano. Perdemos anos decisivos para facer traballos de campo. Eu, por exemplo, hai uns meses non sabía de Teresa da Creería, que era panadeira dos mouros, nin das cidades chamadas Alcaparra, afundidas por maldición nos Ancares e no Bierzo, non sabía dos Pagaíños, seres míticos que viven pola Serra do Xistral, nin o motivo polo que se afundira a cidade denominada Gaifar, en Panxón, nin... O mellor deste proxecto son os seus colaboradores que desinteresadamente achegan noticias dese mundo que apenas coñecemos.

Alén do Bosque Animado, todo ese potencial pouco deu de si para o audiovisual, hai moito aí por explotar?
Ás veces dá mágoa ver como se levan ás pantallas temas semellantes aos da nosa tradición, sacados de autores foráneos, sen que ninguén saiba que nós temos historias tan boas coma esas. Dá pena, sobre todo, porque esa forma de proceder leva implícito un descoñecemento grave da nosa cultura. Galicia Encantada quere facer visible ese patrimonio do noso imaxinario colectivo.

Agora abristes un espazo para as lendas urbanas... pensades que o abandono do rural pode contribuír a que esmoreza a fantasía popular? É o urbano menos inspirador?
As lendas urbanas, que algúns tamén denominan modernas e contemporáneas, non son nin urbanas, nin modernas, nin contemporáneas. Son vellas coma o mundo, sen embargo, agora están de moda gracias a pontentísimos medios de transmisión como internet. O abandono do rural leva consigo o esquecemento dunha parte importante da nosa tradición, mais, tal e como demostra o éxito da mal chamada lenda urbana, seguiremos recreando os temas de sempre pasados polo cribo dos tempos que vivimos.

Falando do apartado este, seica estas cousas da carretaxe de voto das que se fala en tempo electoral teñen tamén a súa dimensión de encantamento?
Unha lenda moderna non deixa der a adaptación dun tema clásico aos tempos actuais. Este tipo de historias, a do home dependente tratando de burlar o poder de quen o domina, son moi antigas. Que suceda cunha papeleta para votar entre as mans, só significa que a fórmula segue sendo válida para hoxe alí onde resisten eses seres "míticos" tan arraigados que coñecemos como caciques.

Un lugar, un tesouro, un trasno... tedes unha historia preferida?
Un tesouro: a herba peliqueira, que fai soñar co lugar exacto onde se atopan todos os tesouros.
Un trasno: os Rumudos, que son moi delicados nas súas partes pudendas.
Un lugar: O Val de Encollas, que é, sen decatarnos, o lugar onde vivimos mentres imos envellecendo.

Pensades que a Galiza de hoxe produce menos maxia? As mentiras gañáronlle aos contos?
A fantasía non é mentira; é unha ilusión. Mentir é enganar con intención de facer dano ou de sacar proveito. Fantasear é compartir a nosa capacidade para crear mundos máis divertidos ca este que, esta si que é unha grande mentira, chamamos real.

Aí atrás vinlles, xuraría, unha xacia pola parte de Sernande, a pé do Miño e tirando cara ao Penedo do Garabullo, que disque era especia xa extinguida... vostedes crenme, non?
Nada que a fantasía alimente se extingue; nin sequera as xacias. Vostede parece que dubida do que víu mentres que eu, sen embargo, estou seguro de que víu o que víu onde di que o víu. Aconséllolle que teña máis fe na súa imaxinación. Non esqueza contárnolo con todos os detalles para Galicia
Encantada.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: