Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Todos somos Honduras

13:00 06/08/2009

Desafortunadamente, tíñamos razón aqueles que dicíamos que cando a presión norteamericana acougara en Iraq, os procesos democráticos latinoamericanos ían sufrir. Honduras hai xa trinta anos - que foi usada para atacar á Revolución Sandinista - sufriu unha brutal represión, con miles de asasinados e desaparecidos na esquerda e nos movementos sociais, que rachou coa perspectiva dun pobo emancipado. Produto desa situación a Constitución vixente é o garante do dominio e supeditación dos intereses do país aos das súas clases altas, así como que ningún colectivo social ou político poida pór en cuestión o status quo imposto pola dereita autoritaria.

Esta breve descrición do panorama político de Honduras explica como os golpistas con Roberto Micheletti ao fronte, teñen a hexemonía no Congreso Nacional, no sistema xudicial e nas Forzas Armadas e de Seguridade. Todas elas avalaron o Golpe. Ademais, contan con complicidades a nivel internacional, que o presentan como a consecuencia dunha falsa vulneración das regras de xogo por parte do Presidente constitucional Manuel Zelaya.

O verdadeiro “delito” do Presidente Zelaya é a evolución dende posicións conservadoras a unha convicción democrática da política, de que para que esta sexa real necesita da participación do pobo e da redistribución da riqueza. Obviamente, as clases altas hondureñas están polo “libre mercado” onde eles son os beneficiados, xa que marcan as leis e o reparto de dividendos.

Esa evolución política orixinou que Honduras fora achegándose aos países que conforman a Alternativa Bolivariana das Américas (Alba) e Petrocaribe, encabezada por Venezuela; xunto coa idea da refundación do país cunha nova Constituínte que supuxera a construción dun novo estado de base democrática e popular. Unha nova hexemonía no país das capas traballadoras e dos novos movementos sociais, herdeiros das vítimas do terrorismo de estado dos anos sesenta, setenta e oitenta, do século pasado.

Resulta rechamante o apoio desde coñecidos grupos mediáticos, xustificando aos golpistas e equiparando ao novo ditador Micheletti co Presidente democrático Zelaya. Evidencia a evolución, algúns en España, de quen deixaron de ser empresas ao servizo da información veraz, para acabar defendendo os intereses comerciais dos seus accionistas. O acontecido é tamén unha chamada de atención á nosa calidade democrática e ao papel que ten que xogar a prensa na conformación da opinión pública e os propios cidadáns na mesma.

Pero, xa a máis dun mes do golpe de estado, a intención de presentar como “decente” o golpe de estado, “necesario” e incluso “democrático” fracasa. Non contaban coa mobilización popular no castigado Honduras, coa auto organización fronte ao Golpe e pola restitución da democracia e do Presidente Zelaya: organizacións de mulleres, mocidade, traballadores, labregos, ONG, artistas, asociacións de familiares de desaparecidos...

Evidentemente, nada do que se move en Honduras é alleo aos propios Estados Unidos. Aparentemente, asistimos a unha contradición na súa Administración; o Presidente Barack Obama apoia o retorno á democracia, máis a familia Clinton e o Partido Republicano aparecen cos golpistas. A isto hai que engadir o nome de Negroponte e á reactivación dos grupos de asasinos paramilitares.

En Costa Rica intentan unha vía que permita a volta do Presidente constitucional Manuel Zelaya, máis non deixa de ser unha proposta de acordo con aqueles que participan da traizón ao pobo hondureño. Do mesmo xeito que a Colombia de Uribe cuestiona a democracia no Sur, o Golpe de Estado en Honduras é unha ameaza para toda a América central.

Os movementos sociais son a Honduras democrática. Sumar a voz de cada un de nós é importante; para que aqueles que din falar en nome da democracia, do modo de vida europeo, da defensa dos dereitos humanos e ao mesmo tempo tratan de colarnos estes acontecementos como lóxicos, deben saber que no noso nome, non. Que nós dicimos claramente que Zelaya debe volver, que os traidores paguen as súas culpas, que a democracia e o pobo - como dicía Zeca Afonso - é quen máis ordena.

3,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...