Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Ferrol: orzamentos pensando na xente

19:07 18/05/2009

O acordo orzamentario para o 2009 entre as esquerdas ferrolás, bota por terra as pretensións de algúns de que o Partido Socialista quedará refén de algunha das dereitas; sen dúbida esta é unha boa nova que abre unha nova dinámica na política municipal, tras a ruptura do bipartito conformado polo PSdeG - PSOE e EU, en outubro pasado.

Hai que lembrar que daquela un grupo de cidadáns afíns ás tres formacións progresistas ferrolás – socialistas, esquerdistas e nacionalistas – pedíamos unha recomposición da vida municipal, e ademais “emprazamos ás dúas forzas políticas (PSdeG e EU) a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso o BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade. Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia” . Agora, tras estes meses de desencontro político e cunha grave crise económica, esa idea ten máis valor de seu.

Fronte a idea de “austeridade” promovida polo PP no senso de adelgazar os orzamentos e encarecer os servizos para que os cidadáns paguen máis por menos, as esquerdas ferrolás acaban de aprobar uns que pretenden aumentar os dereitos e as prestacións  e ademais destinar investimentos para desde o propio Concello facer país tamén contra a crise económica.

Ten razón o concelleiro socialista Ramón Veloso cando plantexa que precisamente os investimentos e os gastos sociais marcan a diferenza entre as esquerdas e as dereitas; fronte a esta realidade, o voceiro do PP pretendía ocultala postulando un acordo orzamentario supostamente insípido avalado polas dúas grandes formacións políticas a imitación da CDU e o SPD.

Se facemos historia, facilmente poderemos comprobar que a cidade de Ferrol crece e avanza na medida en que as diversas esquerdas colaboran. Quizais, a debilidade das propias organizacións e a falta duns liderazgos consolidados nas respectivas organizacións políticas segue a ser unha cuestión aínda pendente.

A análise das eleccións municipais sucesivas deixa claro da existencia dunha bolsa de votantes da esquerda que non comparten que as súas referencias partidarias, especialmente o Partido Socialista, perdan as súas señas de identidade ou participen de aventuras coas dereitas. O xeito de manifestalo é precisamente cun voto abstencionista que cando se produce permítelle ao PP gobernar Ferrol.

A colaboración entre as esquerdas beneficia aos tres partidos progresistas, obviamente só así o Alcalde Vicente Irisarri e o PSdeG convértense no eixo central da vida municipal; tamén marca o rumbo a seguir deixando fóra de xogo ao PP e ao seu voceiro. Este acordo orzamentario entre PSdeG, EU e BNG marca o camiño necesario para que tras as eleccións municipais do 2011 poder reeditar un goberno de progreso. Os tres deberán aínda mellorar as súa simbiose cos cidadáns, renovar as súas estruturas e listas.

Mais, no PP ábrense dúbidas; quizais o seu cabeza de lista se chame José Manuel Rey... ou Diego Calvo. Xa veremos. Pero, o certo é que a unidade da esquerda trae uns orzamentos municipais pensando na xente de Ferrol.

2,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...