Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carlos Neira Suárez

Trescentos anos máis

11:15 25/03/2008

Parece que nesa inescrutabel cronoloxía de aconteceres relixiosos, cando volva a coincidir a semana santa co día de San Xosé terán pasados 300 anos maís.

Non teño nin idea de cando sucedeu antes de agora, así que, se non teño mal recordo, este ano de 2008 terei asistido á primeira coincidencia e –polo visto—incompatibilidade entre o día dos Pepes e a lembranza da Paixón de Cristo.

En Valencia a concorrencia é maior, polo asunto das fallas. Non sei cántas procesións organizan, pero sei que os foguetes non tiveron reparo e cumpriron co seu cometido, sen que falleiras maiores e menores tivesen escrúpulos de conciencia, e a xente vezou de arriar a xeito mascletás e ninots e rematarán coa “nit del foc” como é preceptivo, ordeado e tradicional, ou sexa, comodiosmanda.

Pero en Ferrol, non. A Semana Santa Ferrolán, isa creación vertical tan representativa da hierarquía, tan recente, sí, tan superestrutural, tan agresiva, tan incómoda e tan retrógrada, non permite concorrencia. Non cabemos todos. Xa non abonda con que a parafernalia e os disfrazados se fagan donos de todas as rúas principais, que atoren víais e aparcadoiros, que atronen con percusións guerreiras días e noites, que poñan a desfilar militarmente a civis profusa e requintadamente uniformados, que ondeen bandeiras de sectas diversas; que, en fin, a todopoderosa Igrexa veña a demostrar o seu poder.

E as Pepitas? Bueno. O San Xosé, que dá lugar ao día do Pai –sen selo, a guiármonos polos Libros oficiais da Administración convocante—ten deixado en Ferrol unha antiga, popular, fermosa e inocua tradición que consiste en pórse a andar as rúas os músicos amadores e entoar cánticos con letras de vates locais e doutros lares so pretexto de homenaxear as lindas mulleres dese nome, Josefas, Finas, Sefas, Pepas, Pepitas, Mariajos e demais.

Digamos que temos en Ferrol unha expresión civil ligada ao Santoral que é orgullo de moitas xeracións. E tamén unha convocatoria moi interclasista, moi aberta –os compoñentes das rondallas son variopintos e variopintados—e serve de treino e lanzamento de músicos e de poetas que logo aportan ao país esa saiva nutricia que constrúe tanto coma o formigón e o ferro.

Pois este ano, en Ferrol, sucumbiron. Non sei nen cómo nin quen tivo parte na decisión, pero decidiuse que as Pepitas ficaban adiadas para outro día, queseieu, San Andrés ou Santa Leocadia, ou calquera. Así, para non estorbar.

E non sei de que houbese disidencias, nin que opinaron as forzas representativas. O caso é que ficou demostrado que cando a Igrexa toma as rúas non hai sitio para os outros. Que, ao xulgar polo resultado, a Concellaría de Cultura de Yolanda Díaz se ten apontado un tanto en contra. E eu, que coidaba que podía haber unha rúa, unha praza, unhas tabernas para as bandurrias, os laúdes, as mandolinas e as guitarras, para as voces corais, que pudiéramos ter unha cidade compartida, unha sociedade compartida, resultei defraudado, indignado, impotente. Triste. Quizais non son o único, ou é que todos estamos a perder a capacidade de pensar no interés colectivo. Ninguén pode ignorar o que significa isto, a carga simbólica e a forzada comparación entre unhas e outras afeizóns ferroláns.

O peor é que tardaremos 300 anos en ter a oportunidade de enmendar.

4,53/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Neira

Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa. »



Anteriores...