Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carlos Neira Suárez

A consigna é a lealdade

12:30 20/04/2009

O BNG, esa ferramenta da xente galega, está a abordar a crise partidaria, que é a crise do país.  Eu creo que apresuradamente e mal. Polo de agora, a consigna é a lealdade, e, mais ben, mirar pra dentro.  Lealdade, a ver con quen, cun mesmo, co país, cos camaradas, coa xente. Co que quero facer?  Serei desleal se non concordo?

Suso de Toro coidaba que moitos nacionalistas nin sequera miran para o BNG a ver que fai, xa non agardan ren. Mentres, Francisco Rodríguez achaca aos “desafectos do BNG” unha parte importante da derrota electoral. Fico con esas dúas intervencións e coido envolver con elas todas as que me interesan. Votei ao BNG, procurei votos, observei a deserción de amigos ás filas da abstención e do voto en branco. Non o sabía, pero eis a definición perfecta, o achádego do Sr. Rodríguez: son desafecto.  E creo que coñezo máis desafectos ca afectos, nunha lista inmensa que abrangue xentes de toda procedencia, profesión, idade, sexo, veciñanza, etc.   O silenzo (“non a toques, que así é a rosa”) dos desafectos foi unha forma equivocada de lealdade. De ninguén deses eu poñería en dúbida que son nacionalistas, que son de esquerdas, que queren loitar polo país.

Non están no BNG
Pero o BNG non reaxe, non se dá por enterado.  12 anos de costa abaixo e segue a ser unha máquina de facer e desfacer militantes, que acaban fóra, mentres responsábeis de fracasos irrefutabeis son premiados con cargos e sinecuras, e co poder na organización e nas institucións. A consigna agora é a discreción, o acatamento, o silenzo. Ou sexa, máis pechados, máis aillados, máis impotentes.

Está fóra moita xente que sabe que falla o modelo, a fronte.  A doble militancia é unha cárrega absurda, que só serve para duplicar para uns o traballo, e destinalo máis á competencia cos outros partidos nas liortas polo poder interno, mentres pra outros é asistir a refrendar decisións xa cociñadas. Esa peculiar estrutura só interesa a unha organización, a UPG, e a persoeiros que manteñen presuntos outros partidos co fin de participar no reparto. O resultado é que os militantes daquel teñen garantido as posicións de mando no BNG e os postos de representación obtidos por este nas institucións. Está fóra moita xente que non quer ser convidado de pedra, compañeira de viaxe ou parva útil nun percorrido sen destino coñecido. O modelo do PCE e E.U. no Estado Español é un símil.

O partido dos nacionalistas debe ser unha organización única, democrática, de esquerda, tan ampla e organizada que permita a obtención das decisións de xeito piramidal e delegado, de abaixo arriba, e que teña unha expresión clara de planos para a maioría e proxecto para a nazón.  A presunta virtude do asamblearismo, todos a decidir no mesmo momento e no mesmo sitio –que se transforma en imposibel para o grande partido que ha de guiar o país--, agocha realmente o mellor dominio de minorías estabeis, profesionalizadas e atentas ás vicarías.

É a compoñenda. Invocan coma intocábel un instrumento partidario creado para outra época e probabelmente para outro país, unha estrutura de permanencia que permite a toma de grande parte das decisións en ámbitos alleos pero non desinteresados, que permitiu, por exemplo, a instalación de Reganosa na ría de Ferrol pese a a vontade colectiva e reiteradamente expresada da organización comarcal e que acabou na indixencia política e electoral do BNG en Ferrolterra.

Se esta fose a etapa de reflexión e debate universal, se de verdade foramos asistir a unha auténtica refundación do BNG, é condición que se abra a toda a familia, á familia extensa, militantes e afiliados, simpatizantes e desafectos, nun proceso que por lóxica ten que evitar o peche en falso da crise, coa elección dunha nova equipa e portavoz no prazo curtísimo de dous meses, ata a Asambleia de Maio. Pero os documentos que se están a debater non tocan iso, non se ve problema adentro, e propónse reproducir a loita interna polo control, reafirmando o 82 (27 anos ¡¡) e o carácter de fronte da organización coma a única concepción válida, “valor ineludibel que ten que ser aceitado e respectado”

Eu creo que ésta Asambleia tería que marcar o camiño, abrir un proceso, ser ambiciosa e rotunda, non prescindir de ninguén e chamar a tuda gente a un obxectivo pleo que Galiza precisa e que recrama a historia do nacionalismo. Un proceso que precisa de máis tempo ca dous meses. Quizáis máis dun ano.  Total, levamos 12 ou máis en que perdemos moito tempo.

3,86/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Neira

Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa. »



Anteriores...