Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

Partido... Galeguista?

18:39 21/03/2007

Alá polo duro inverno do 1931 nascía en Pontevedra a organización que inauguraría unha nova etapa para o nacionalismo galego. Era o Partido Galeguista. Esta organización tomaba o nome do Partido Galeguista de Pontevedra que ideara Alexandre Bóveda.

O PG viría representar a unión dos nacionalistas que anteriormente actuaban a nível local atomizados e baixo a marca das Irmandades da Fala ou de pequenas agrupazóns partidarias. Os fíos condutores, no ideolóxico e prático, actuaron para criar rede e artellar unha organización nacional, moderna e que tivera a soberanía nacional do país como bandeira. Nesta liña, a parte fundamental dos seus artífices axuntárase sob patrocinio do Seminario de Estudos Galegos para apresentar o ‘Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza’; iniciábase este co célebre ponto primeiro no que se podía ler “Galiza é un Estado libre...” dentro dun marco xurídico-administrativo federal e republicano.

No aspecto formal, esta nova organización, e para contentar a todas as tendencias que había de reunir, discutíu devagar o seu nome. Unha das primeiras marcas baralladas sería a de “Partido Nacionalista Galego”, tal e como se constata a través de documentación inédita, conservada no arquivo da Fundación Alexandre Bóveda, do puño e letra deste mártir.

Se finalmente se denominou esta organización Partido Galeguista, xa digo, foi para contentar ás tendencias (aínda que minoritarias ao pouco, en base ao espectacular medre da organización, cualitativamente de relevo) menos soberanistas e evitar malosentendidos, salvagardando o ideario progresista da organización galega, nun período no que a reacción a nível europeu, nomeadamente na Alemaña, usaba, aplicados ás marcas das estruturas partidarias, os apítetos nacional, nacionalista, etcétera,.

O PG tivo unha prática non só soberanista, senón do ponto de vista de clase, máxime desde o 1935, de esquerdas. Non en van o seu máximo “intelectual” e secretario xeral/ organización, Alexandre Bóveda, non só non renegaba de ser fillo dun carpinteiro e dunha costureira, senón que entendía a política como un medio para procurar o máximo benestar da maioría social, das clases populares, das que el facía parte.

Todas estas cuestións os militares golpistas tivéronas ben en conta, tendo á militancia máis activa do PG no ponto de mira diante da voráxine asasina desatada a partir de xullo do 1936. O PG, en consecuencia, esmoreceu e, sob nova marca, reartellouse o que representaba no exilio bonaerense a través da Irmandade Galega no 1942, coa figura de Daniel Castelao como pedra angular.

Após a morte de Castelao no 1950, e para alén dos tira-puxas entre os “galeguistas do interior e do exilio”, reapareceu o Partido Galeguista aquén terra nos oitenta no plano eleitoral e xa sen vinculación co proxecto que nos anos trinta encarnara o Partido de Castelao e Bóveda. En todo caso, tiña ligazóns humanas con aqueloutro proxecto, caso de Francisco Fernández del Riego, Ramón Martínez López ou o amigo Avelino Pousa Antelo.

Nos nosos días a marca Partido Galeguista volve ser presente. E digo marca, non organización. Esta marca (seica rexistrada, e en consecuencia lexitimamente –en termos de legalidade comercial- empregada) está a dar cobertura a diversos grupos locais -con significativa historia de seu; e na maior parte dos casos non ligada ao galeguismo, ao nacionalismo...- que procuran un espazo institucional no marco das vindeiras eleizóns ás cámaras municipais. Non parece importar que a súa prática e teoría non teñan a ver co ideario do PG, ideario que levaron até as súas ultimas consecuencias os seus motores; o obxectivo parece ser a procura da maior presenza institucional posível.

Para isto, seica, todo vale. Se na Coruña hai unha parte do eleitorado de dereitas e españolista que pode ser susceptível de apoiar esta candidatura de “galeguistas”, a cidade herculina é denominada “La Coruña” e a campaña desenvólvese en español sob a lenda “Ciudadan@s de La Coruña, hablemos”; se no berce de Alexandre Bóveda os votos a apañar son progresistas e permeábeis a un pseudo-nacionalismo, a organización apreséntase como “o partido nacional da Galicia”; se o Vigo máis localista quer tomar “corpo provincial”, apélase (contra toda a tradición “galeguista” que fica contra a división provincial face a parroquia e a bisbarra) á necesidade da quinta provincia, etcétera, etcétera.

Para alén dunha falta clara de ideario e prática homoxénea a nível nacional, a realidade que agora se agocha sob a marca PG está a empregar, lonxe de toda coerencia histórica e lexitimidade moral, a impoluta imaxe do histórico PG.

4,31/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...