Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

A tradizón (necesariamente) recuperada

19:36 13/09/2007

Desde hai uns anos na véspera do 8 de setembro vén de se recuperar na parte norte da Ribeira Sacra unha vella tradizón. Estou a referenciar a denominada “festa das fachas” que se revive na parroquia de Castelo, no lugués concello de Taboada.

A maior parte dos galegos e galegas ás que hoxe lle perguntaramos se saben que é iso das fachas, respostaría rapidamente que si, que iso “...é cousa de política...”, da direita... Lonxe esa relación da realidade, o certo é que as fachas son unhas grandes mañizas de agucios (hai quen as fai de palla; mais estas son pouco duradeiras), superpostas, grazas a uns vimbios (vimias) que terman delas, nun pao de dous a seis metros de altura, polo xeral de xesta, e que ten como función alumear na noite en datas de relevante significado.

Na parrróquia de Castelo era tradicional, na noite da véspera da Natividade, a noite das festas patronais, prender en círculo o maior número de fachas e no alto do castro, onde se desenvolvía unha foliada, permanecer até que a última facha ficara acesa. Non se sabe de cando data esta tradizón, contodo, polo lugar onde se desenvolve e o “ritual” que ten asociado ao lume, ao sol e á terra, parece todo indicar que sería na proto-historia cando poderiamos achar os seus inicios, nun claro exemplo de cristianizazón de ritos pagáns.

Perguntando a vellos e vellas de concellos limítrofes co de Taboada, da redonda da Ribeira Sacra luguesa, Val de Lemos... un acha como as fachas eran no século XVII, XVIII, XIX e primeiro terzo do século XX unha realidade extendida, en ligazón coas festas parroquias e a noite.

No concello d’ O Saviñao, por exemplo, en parroquias como a de San Vitorio de Ribas de Miño ao igual que en Castelo, e coincidindo coas mesmas datas que nestoutra parroquia, tamén se desenvolvía este ritual. Nun outro lugar “sagrado” (nas inmediacións dun outro castro) prendianse as fachas que os mozos do lugar tiñan coidadosamente elaborado ao longo do día. Estes termaban das fachas até que estas esmorecían.

As noites estreladas
O tradicional asociado, quizabes, á adorazón, xa digo, ao lume, crenzas pagáns... á cristianizazón daquelas... deixou paso a unha utilización prática de elementos desoutra cultura proto-histórica, agora exentos do seu significado primitivo. Neste senso, falando cos vellos e vellas un soubo como a finais do século XIX e inicios do XX, a comisión organizadora da festa de San Vitorio reservaba un real e medio ou dous reais para o mozo que tivera elaborado e termado da facha que máis aguantara prendida. Un premio á facha que fora o garante de que a festa se prolongara na madrugada en tempos nos que a luz eléctrica non tiña presenza.

E, por certo, estaba tan extendida a tradición das fachas que, coincidindo nas datas, xa non só Castelo e San Vitorio, senón con estas parroquias o Faro e o Toxo (en Chantada e O Saviñao, respeitivamente), acompasados, organizaban unha grande lumieira con fachos que unia nunha mesma noite (e rito) a aqueles e aquelas dunha e doutra banda do rio Miño.

Eses grandes focos que eran (agora, con ledicia, podemos dicer son) as fachas, tras o golpe militar reaccionario de xullo do 36 (unha outra vez o golpe militar!), deixaron de alumear as noites estreladas do noso país.

Agora, felizmente, parte de nós, en canto que parte da nosa secular tradizón, fica recuperada. Agora toca mantela desde a consciencia histórica, como legado dos nosos antergos, legándoa ás xerazóns vindeiras para un futuro noso.

3,71/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...