Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Outro mundo posible; outra España, imposible

11:30 08/07/2008

A vitoria da selección española na Eurocopa de Fútbol deu a España varios días de balbordo que axudan a esquecer a delicada situación económica que pasa a maior parte do Estado e, sobre todo, axudou a que o nacionalismo saíra do armario sen complexos. Un nacionalismo distinto do que se expresa cando gañan Alonso, Nadal, Pedrosa ou o combinado español de baloncesto. Non sei que ten o fútbol que cando xoga La Roja moitos políticos e xornalistas din cousas que gardan no seu comportamento diario. A por eles é a consigna, e o todismo o comportamento. Ou toda España se alegra ou "a por ellos". Se hai quen non se alegra non só é mal español, senón que tamén é "gilipollas", como lles chamaban a Urkullu e Puigcercos na Cope, ou simplemente lles desexan  "que les den por Urkullu".

Na SER, cando marcou Villa, o locutor berrou que o xogador asturiano tiña "unos huevos como mi cabeza”, mentres antes dos partidos os coristas púñanse de pé no estudio para tararear o himno que non ten letra por moito que a cante Luis Aragonés. "Yo soy español y estoy orgulloso”, "el que escuche este himno y no sienta nada, no tiene sangre en las venas” e outras soflamas eran deitadas como aceite fervendo nas orellas dos ouvintes desas emisoras que, haino que lembrar, se declaran a cotío non nacionalistas. Os nacionalistas son outra cousa. Son intolerantes e incultos. En Madrid, non embargantes, estes respiran tolerancia.

Chega esta victoria cando o español, agora coñecido como "idioma común", pasa os seus últimos días neste mundo porque, como todos saben, a Xunta, a Generalitat e o Goberno vasco desenvolven unha efectiva tarefa de exterminio e aniquilación idiomática. Só un manifesto asinado por ducias de milleiros de persoas combate esa política na que borrar do mapa ao castelán é a consigna. É unha mágoa que unha lingua que deu tan grandes escritores e encheu páxinas tan gloriosas da historia (sen unha pinga de nacionalismo, iso si) vaia desaparecer. Pero é o que teñen as autonomías e os nacionalistas, xunto con algún socialista despistado, que queren acabar con todo.

Mentres, os pobres galeguiños seguen ao seu, chorimicando porque unha gran marca de roupa como Springfield chama ao galego "dialecto del castellano" nunha postal de felicitación a un dos seus clientes redactada en portugués. Os galegos seguen a facer vitimismo porque unha traballadora de Navantia, na sempre plural e acolledora capital de España, escribe a un traballador de Ferrol que non sabe se o escrito que este lle enviou llo redactou o seu fillo de dous anos "o es algún dialecto que hablan ustedes en la aldea".

Pero así son as cousas. Esta crise económica vai facer certo iso de que outro mundo é posible. Pero nin esta nin ningunha crise logrará mudar a España, non. Porque é así. Outra España non é posible.

4,34/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións