Vieiros

Vieiros de meu Perfil


DÁLLE Á LINGUA. XEIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA

Reproduzo aquí unhas anotacións que tomei no transcurso das "Xeiras sobre a lingua galega", organizadas polos Comités Abertos da Universidade de Vigo.

Enviada por Boedense Boedense o 16/04/2009 13:34

Onte, mércores 15 de abril, asistín ás Xornadas "Dálle á lingua. Xeiras sobre a lingua galega", convocadas polos Comités Abertos na Universidade de Vigo (Sala I do Edificio Miralles). Logo dos relatorios destes días extraín unha serie de conclusións e valoracións sobre os mesmos.

09.15-09.45. Acto de apertura

Iván Area Carracedo, Vicerreitor de Relacións Institucionais, sorprendeunos cun relatorio en inglés no que fixo referencias ao multilingüísmo - 15 linguas morren cada semana-, a falsa "imposición do galego" que defenden algúns grupúsculos da sociedade e mesmo algunha referencia á SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA.María Carmen Cabeza, Vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, reflectiu certo pesimismo e sensación de estancamento ante a reiteración dos mesmos debates sobre a lingua galega; subliñou tamén a existencia de certos intereses que falan dunha posición dominante do idioma galego fronte ao castelán que non se axustan á realidade. Asemade, propugnou a defensa da lingua mais sen atribuírlle un carácter excluínte - lingua dos nosoutros fronte á lingua dos outros-.

09.45-10.45 h. Proxección do documental "Linguas cruzadas".

11.00-12.30 h. Mesa redonda "Bilingüismo ou diglosia?"

María Yáñez
desmontou a falacia de Galicia Bilingüe, que describe unha sociedade utópica de ameaza do galego cara ao castelán e insistiu na necesidade dunha maior mobilización social pola lingua e lamentou a derrogación do decreto do galego no ensino polo novo presidente da Xunta. Alén disto, comentounos a súa experiencia rodando o programa da TVG "O país dos ananos".

Ana Iglesias,tomando o fío da alocución de María Yáñez ("Para poder escoller, hai que ter competencia nos dous idiomas"), teorizou sobre o concepto do Bilingüismo: o bilingüismo en canto á competencia (capacidade de falar dous idiomas) e ao uso (utilización de dúas linguas). Propugnou a liberdade de escolla individual entre o galego e o castelán, mais para poder escoller deben ter un tratamento igualitario ámbolos dous. Asemade, insistiu na forte desgaleguización que están a padecer as vilas (o centros urbanos atópanse máis castelanizados cás parroquias vilegas) e na inexistencia de rexeitamento polos galegofalantes ao uso do castelán (adoita o mesmo no caso contrario?)As dúas poñentes sinalaron a carencia de persoeiros modelos de galegofalantes e anticiparon a vizosa presenza do galego na rede.

12.30-14.00. Experiencias "A normalización do galego".


Henrique Costas,
director da ANL da Universidade de Vigo, fixo un percorrido polas distintas campañas normalizadoras da ANL: Chámate con xeito", Busco amante galegofalante; Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis. Por outra banda, destacou a cooperación da ANL da Universidade de Vigo ( a máis recente das ANL universitarias) cos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense e lamentou a inexistencia do TERMIGAL (centro de terminoloxía galega) e a carencia dun órgano coordinador entre as ANL das tres universidades galegas.Mostrouse decepcionado coa política lingüística do bipartito: bloqueos sistemáticos da Consellería de Presidencia á Secretaría Xeral de Política Lingüística; non se creou o TERMIGAL nin o Consorcio de Normalización Lingüística; o PSOE non mostrou apoio nin creu no decreto de galego no ensino; calou a mensaxe da "imposición do galego" nas galescolas dentro da sociedade. Unicamente subliñou como avance a creación do CELGA (mais lamentou a validación dos CELGA cos cursos de iniciación e de perfeccionamento, de menor nivel de contidos) e as galescolas.

Iolanda Veloso, concelleira de NL do Concello de Vigo, relatou o cometido da súa área municipal. Denunciou o estado de parálise vivida polo servizo municipal de NL durante a alcaldía de Corina Porro e o labor emprendido para poñelo en funcionamento.En canto á xestión da política lingüística polo bipartito, Iolanda definiuna coma unha xestión de "avances tímidos" e cun resultado insatisfactorio, a irrupción na sociedade da idea da "imposición do galego". Ao bipartito faltoulle un maior compromiso idiomático: de feito, non hai grandes variacións no decreto do galego no ensino con respecto á etapa de Fraga. Lamentou a pouca presión social existente neste período sobre o idioma galego.

16.00-18.30 Mesa redonda: "A situación actual do galego"

Carlos Callón,
presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, incidiu no punto de inflexión que supuxeron as eleccións do 1-M para a lingua: a pretendida derrogación do decreto de galego no ensino por parte de Núñez Feijoo e a falacia da "imposición lingüística do galego" e a vacuidade da doutrina da "amabilidade lingüística" propugnada polo novo presidente da Xunta. Asemade, conminou aos presentes a participar na manifestación do 17 de maio en Compostela a prol do idioma galego.

Mariló Candedo,
de Nova Escola Galega, vertebrou a súa ponencia sobre a decisión de Núñez Feijoo de derrogar o decreto de galego no ensino. Insistiu na necesidade de educar en galego e rebateu os argumentos falaces da imposición lingüística do galego con datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia. O referido MSG preludia o camiño da substitución lingüística ao constatar o aumento de persoas que afirman non usar nunca o galego (censo 1992 e 2002).Así mesmo, destacou que só un 17% das clases de Primaria e un 30 % das aulas de ESO se imparten en galego.Mostrouse moi crítica coa decisión de Núñez Feijoo de facilitar a libre escolla de idioma de escolarización dos nenos por parte dos pais por ser economicamente inviable e pedagoxicamente desacertada (atendendo ás directrices da UE). Neste momento hai un "necesidade de cordura e de decisións valentes".Como remate da súa intervención sinalou a importancia de facer chegar á sociedade a utilidade da lingua galega, entre outros motivos, polo achegamento á lusofonía.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: