Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Acto en Lugo: "A Peneira. 25 anos de xornalismo en galego"

A Asociación Cultural Cultura do País, recentemente creada en Lugo, organiza unha nova actividade que terá lugar o vindeiro mércores 25 de marzo ás 20:00 horas na Galería Sargadelos (Pza. de Santo Domingo). No acto intervirán Guillerme Rodríguez (director d'A Peneira) e Antón Fernández Escuredo (redactor xefe).

Enviada por culturadopais culturadopais o 19/03/2009 22:15

O xornal quincenal de información xeral A Peneira naceu en marzo do 1984 coma unha iniciativa de comunicación local en galego que rachaba a liña editorial dos xornais oficialistas e hexemónicos no Condado da Paradanta. Aínda que é un medio pequeno ten correspondentes en Cuba, Estados Unidos, Arxentina, Madrid e Barcelona, ademais de organizar certames literarios e de humor. Está presente nas capitais das catro provincias, tendo ademais catro cabeceiras: A Louriña, Condado Paradanta, O Baixo Miño e O Val Miñor. Conta tamén co suplemento cultural Kalaikia e máis o suplemento de humor O Farelo, que foi premiado coa ‘Curuxa de Humor’ polo Museo de Humor de Fene. Ten presenza na rede a través da páxina web www.apeneira.com. En paralelo, conta coa editorial Alén Miño. Todo este traballo foi recoñecido no 2006 polos Premios da Crítica no apartado de Iniciativas Culturais.
Con motivo da conmemoración dos 25 anos de vida deste proxecto, e dentro do programa de actividades para celebrar o aniversario, a Asociación Cultural Cultura do País, de recente creación en Lugo, organiza unha charla coloquio na que contará coa presenza do director e un dos principais impulsores dende o comezo do proxecto, Guillerme Rodríguez, e máis co redactor xefe, Antón Fernández Escuredo, quen nos falarán da experiencia no lanzamento desa iniciativa de comunicación local en galego e presentarán as actividades de celebración da efeméride do xurdimento da mesma. Este acto terá lugar o vindeiro mércores 25 de marzo ás 20:00 na Galería Sargadelos de Lugo (Pza. de Santo Domingo).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Acto en Lugo: "A Peneira. 25 anos de xornalismo en galego"