Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A liberdade (¿que é?)

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de A liberdade (¿que é?)

A liberdade (¿que é?)

Coincido con quen di que citar a grandes autores pode resultar pretencioso, ou delatar unha falla de argumentación propia. Nesta ocasión, por tratarse dun filósofo universal de doado acceso para todos, serei eu quen corra o risco.

Enviada por Artritris Artritris o 09/02/2009 21:28

Dicía Platón que se as liberdades individuais se expresasen sen límites acadaríase a anarquía. Que é imposible unha sociedade onde só se considera aos individuos. En "A República" demostra que tal desorde de vontades só conduce á tiranía. Que só cando os individuos toman consciencia de que a súa liberdade remata onde comeza a dos demais acádase unha responsabilidade característica da democracia. Eis o principio que inspira a «Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán» do 1789, onde se di que "A liberdade consiste en poder facer todo o que non perxudica aos demais".

A "liberdade" foi este domingo, en Compostela, o principal argumento que a asociación "Galicia Bilingüe" esgrimiu contra do que eles consideran "imposición del gallego". Seis eran os seus piares:
1. "Quiero que mis hijos estudien en la lengua que yo elija": O sistema educativo público en Galicia procura que os alumnos/as, rematado o ensino obrigatorio, teñan idénticas competencias na comunicación en galego e en castelán. Concíliase así a liberdade individual que nais e pais teñen para elixir a educación nun ou noutro idioma, dificilmente aplicable na práctica sen implantar guetos lingüísticos.
2. "Quiero que nadie me obligue en mi negocio a usar una u otra lengua": Voluntaria ou involuntaria malinterpretación do artigo 8 da «Lei de Comercio Interior de Galicia» onde se garante que "ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada". Os comerciantes teñen dereitos. Os consumidores tamén.
3. "Quiero ser libre para elegir una u otra lengua": Enunciado de validez universal. Nembargante, no contexto ao que nos quere trasladar Galicia Bilingüe (imposición del gallego) puidera parecer que non existe a liberdade de falar no idioma que queiramos. Argumento demagóxico (¿alguén carece desa liberdade?) agás que, en efecto, recoñezamos que aínda existen ámbitos restrinxidos ao castelán (encabezados polos vellos estamentos: exército, igrexa...).
4. "Quiero que nadie se sienta extraño por hablar solo una de las lenguas de Galicia": Ninguén debera sentirse estrano por falar castelán ou por falar galego. Mais nun país onde as dúas linguas cohabitan verémonos, día tras día, envoltos en situacións "bilingües" nas que só evitaremos sentirnos estranos coñecendo as dúas, e ninguén máis que nos terá culpa niso. Mais, ¿alguén non coñece o castelán?
5. "Quiero tener siempre el mejor profesional aunque hable la otra lengua": Véxase o punto 6.
6. "Quiero que la administración se dirija a mi en la lengua que yo elija": Como no punto 4, a única posibilidade (viable) que temos de que a administración poida atendernos en castelán ou galego é que o/a funcionario/a público domine as dúas linguas. Isto entra en contradición clara co punto 5 xa que, se non se demostran aptitudes en ámbalas dúas é imposible garantir o dereito dos cidadáns a escoller. ¿Como pode un médico dirixirse a min en galego se non coñece o idioma? ¿Como pode tan sequera entenderme se, nacido en Murcia, ninguén lle esixiu o coñecemento do galego para traballar en Galicia?

A "liberdade" exixida por Galicia Bilingüe achégase máis ao estado anárquico que predixo Platón que a unha "liberdade" real de escolla para tódolos cidadáns. É unha liberdade unilateral, irreflexiva, sen percorrido dialéctico. Unha liberdade que non resolve en ningún momento a súa entrada en conflito coa liberdade dos demais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: