Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eólicas: o do reparto non é o único problema

Na FPG e no movemento ecoloxista seguímonos facendo varias preguntas.

Enviada por natxo natxo o 28/12/2008 11:19

Toda a información que xira nas últimas semanas arredor dos aeroxeradores versa sobre o reparto das concesións de parques eólicos.

Lévase dito de moitas maneiras; todo o decreto eólico é problemático desde o punto de vista ecolóxico, de conservación do patrimonio e tamén, claro está, desde os puntos de vista económico e do sistema de reparto das concesións administrativas.

Non é o reparto o único problema.

A saída do PSOE da comisión avaliadora ten dúas lecturas: deslexitimar a posible aprobación do tal reparto por parte do BNG, pois faríao co desacordo público dos seus socios; e tratar de adiar as adxudicacións para impedir que se produzan antes das eleccións. O Decreto é unha baza electoral escandalosa.

Pero a Frente Popular Galega (FPG) censura tamén a actitude cínica do PP. Por que agora amosan tanto interese con denuncias públicas, cando no Parlamento puideron solicitar a creación de comisións de seguimento e de investigación? Pero o PP non pode facer iso porque non quere que salte á palestra pública os seus preitos das hidroeléctricas, coa investigación por parte da fiscalía de prevaricación de Luís Castro Valdivia, cuñado de Ramón Ordás (exdirector xeral de Industria, Enerxía e Minas no período de Fraga) ou as investigacións por corrupción a Manuel Rodríguez-Portugal, enxeñeiro xefe da Deputación de Ourense, entre outros casos que salpican ao Partido Popular.

Na FPG e no movemento ecoloxista seguímonos facendo varias preguntas:

-Por que se tomou a decisión de presentar a concurso case 2.500 Mw? Precisa Galicia desa produción?

-Por que se permite a especulación, o mercadeo da potencia producida logo da construción do parque eólico?

-Por que non hai un seguimento do cumprimento íntegro das anteriores adxudicacións eólicas?

-Por que non se fala de repotenciar os aeroxeradores existentes, no canto de abrir novos parques que ocupan todo o territorio, estragando os nosos montes, destruíndo o patrimonio natural e histórico?

Moito nos doe que sexa a Consellaría de Innovación e Industria, da cal é responsable unha persoa con carné dun partido dito nacionalista e comunista, a que preparou este Decreto Eólico de forte contido colaboracionista co capital máis depredador e colonialista, erixíndose en puros continuadores da política expoliadora de Pedro Barrié de la Maza e da innomeable Fenosa.

Non somos, na FPG, contrarios á explotación do vento como fonte de enerxía, aínda considerando que hai outras de maior rendemento, como é a fotovoltaica, pero si nos opoñemos á destrución da paisaxe e das nosas riquezas patrimoniais dun xeito absolutamente irracional e desleixado.

Pensamos que hai outras formas de utilizar e xestionar a nosa riqueza natural, sen tanto prexuízo para a nación e máis beneficiosas; preocupándose, por exemplo, polo servizo que deben dar as empresas de subministración eléctrica a toda a poboación, por moi alonxada ou dispersa que se atope porque, á hora de pagar, as tarifas son as mesmas; como da construción de liñas de baixa tensión cara o rural.

Contra o lucro colonial da produción enerxética!
Reanudemos a loita que comezou en Castrelo do Miño!


http://www.frentepopulargalega.org/index.php?option=com_content&task=view&id=249&Itemid=1


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: