Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Primeira guía no Estado de relacións laborais no xornalismo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) presentou este sábado en Santiago a primeira guía de relacións laborais especializada no xornalismo que se edita en España. Con 2.000 exemplares en galego nesta primeira tirada, o "Manual de Relacións Laborais no Xornalismo" é obra de Fabián Nevado, especialista en negociacións colectivas e secretario de acción sindical do Sindicat de Periodistes de Catalunya (SPC).

Enviada por SXG SXG o 23/11/2008 18:39

O SXG destaca que o lanzamento deste volume de máis de 300 páxinas resulta especialmente axeitado neste intre, cando moitas empresas de comunicación están a reducir os cadros de persoal coa escusa da recesión económica.

Ademais, o libro está deseñado como guía de consulta rápida para afrontar problemas habituais dos profesionais deste sector, por exemplo, despedimentos, baixas por maternidade, duración das xornadas de traballo ou dereitos de propiedade intelectual.O propio Fabián Nevado destaca que o Manual deixa á marxe o argot xurídico co obxectivo de "converterse por riba de todo nunha ferramenta útil".

O conselleiro de Traballo salienta as peculiaridades da labor xornalística

Pola súa banda, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, salienta a "función pública ao servizo do dereito de información dos cidadáns" da labor dos xornalistas.

Varela argumenta que para asegurar a súa "independencia e a liberdade de expresión", cómpre atopar solucións específicas ás peculiaridades da labor xornalística. "O esquema clásico de relación laboral industrial non é aplicable nestes casos, o traballo do xornalista non se desenvolve, en moitos casos, nun centro de traballo e ao longo dunha xornada tipo, o que esixe unha máis ampla definición dos conceptos clásicos que definían a relación laboral", indica no limiar o responsábel da Consellería de Traballo, departamento que apoia a publicación da guía. Así, no acto de presentación interviu a Subdirectora Xeral de Traballo, María Coutinho, quen comprometeu o apoio da Consellería ao SXG na defensa dos dereitos laborais dos traballadores do sector.

O secretario xeral do SXG Xurxo Salgado explicou na presentación da guía -celebrada esta mañá no Club Internacional de Prensa- que un dos obxectivos da edición é axudar aos representantes nos comités de empresa a negociar melloras laborais. Para tal fin, o SXG iniciará unha distribución gratuíta da guía entre todos os seus afiliados, comités de empresas, centros de traballo e facultades galegas relacionadas coa comunicación. Todos aqueles interesados nun exemplar poden dirixirse ao Sindicato a través da súa páxina web.

Só tres anos despois da fundación do Sindicato, representantes do SXG presiden cinco comités de empresa de medios de comunicación: La Voz de Galicia, La Región de Ourense, Diario de Ferrol, Radio Coruña-Ser e no Que! de Vigo.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Primeira guía no Estado de relacións laborais no xornalismo