Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carta aberta da APDR ao conselleiro de Medio Ambiente

A Asociación pola Defensa da Ría critica a "agresividade e descualificacións" adicadas ao colectivo por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Enviada por redaccion redaccion o 10/11/2008 11:31

Prezado Sr.:

Temos lido nos xornais do pasado xoves 6 de novembro unhas declaracións nas que expresa Vd. diversas opinións sobre a Asociación Pola Defensa da Ría, declaracións que, por forza, non podemos admitir. Permítame decirlle en primeiro lugar Sr. Vázquez que as súas declaracións resultaronnos do máis sorprendente, non só polo ton, que deixa traslucir unha fonda agresividade cara ao noso colectivo e que non chegamos a entender, senón tamén, e sobre todo, porque emite Vd. certas descalificacións que –por gratuitas- non estamos dispostos a pasar por alto.

Sorpréndenos en efecto, Sr. Vázquez, que poña en cuestión a denuncia interposta pola nosa asociación contra ENCE pola realización de recheos ilegais nunha das balsas de decantación do complexo; sorpréndenos porque semella que Vd. desaproba a vía utilizada pola APDR, que acude –con probas contundentes na man- ao Fiscal de Medio Ambiente para que investigue. Vaia en primeiro lugar que na APDR estamos convencidos de que é precisamente esta unha das principais vías das que se ten dotado o noso sistema xudicial para cuestións medioambientais, e que será en todo caso a xustiza quen deba sentenciar; pero permítame que lle diga, Sr. Vázquez, que para nada podemos concordar con Vd. cando di que “si alguén está a realizar recheos ilegais, seguro que xa se está a tramitar a correspondente sanción”; dificilmente poderemos concordar con Vd. pois, por desgraza, a administración autonómica tennos acostumado xa a comportamentos ben diferentes; saiba, Sr. Vázquez, que si acudimos agora á Fiscalía é porque con anterioridade temos denunciado estes feitos en Augas de Galicia e na propia Consellería de Medio Ambiente e porque –en ámbolos dous casos- abondou a palabra de ENCE para negar a existenza duns recheos que quedan en evidencia coa simple observación das fotografías do “antes” e o “despois” aportadas pola nosa Asociación.

Pero sorpréndenos máis se cabe que para descalificar a nosa actuación, unha actuación que xulgamos absolutamente coerente, cívica e mesmo de “obrigado cumplimento” para calquera que observe a comisión dun delito contra o medio ambiente, bote man dunha frase certamente desafortunada: “esta asociación case nunca acerta coas súas denuncias”, para engadir a renglón seguido que a APDR practica un ecoloxismo “amarillista”. Sinceiramente, Sr. Vázquez, este tratamento non é de recibo para unha asociación ecoloxísta que como a nosa, leva máis de 20 anos amosando o máximo rigor nas súas declaracións e actuacións e que goza dun enorme prestixio en todos os sectores politicos e sociais do seu ámbito de actuación, incluindo o dos seus compañeiros de partido. Como non é de recibo tampouco que, logo de 3 anos, siga Vd. sen dar resposta á nosa solicitude de entrevista. Sr. Vázquez, cando a APDR pon unha denuncia, nin busca titulares “fáciles ou espectaculares”, nin pensa en acertar ou non, como si dunha quiniela se tratara; cando a APDR denuncia algunha práctica ilegal é porque entende que hai razóns para o facer e porque sabe que, de non facelo, a administración seguiría a mirar para outro lado.

Saiba Sr. Vázquez, que de non ser pola denuncia xudicial interposta pola APDR contra a fábrica de pasta de papel, ENCE non tería sido condenada por delito ecolóxico, e saiba tamén que de non ser por este xeito de actuar que Vd. desaproba, hoxe non poderíamos dicir que ENCE estivo a contaminar a Ría e a atmósfera por riba dos niveis permitidos pola lexislación; non poderíamos dicir que ENCE provocou un dano irreparabel no medio ambiente, nos recursos naturais e na saúde das persoas. Semella, Sr. Vázquez, que nesto si “acertamos”!.

Pero debo recoñecer que nunha cousa non lle falta razón; na APDR temos serias dúbidas verbo da súa vontade de retirar ENCE e ELNOSA da nosa Ría. Da súa e da do goberno galego no seu conxunto. E as nosas dúbidas non son gratuitas. Mire Sr. Vázquez, no tempo que Vd. leva como Conselleiro de Medio Ambiente todo foron promesas incumpridas, como incumpridos foron sistematicamente todos os prazos dados por Vd. ao respecto deste tema particular. Pero, ademáis, non me negará que na práctica totalidade dos casos, cando Vds. falan do traslado de ENCE, deixan claro ao tempo que ese traslado (e máis se se leva adiante con anterioridade ao 2018) depende da vontade de ENCE de facelo; é a empresa quen vai decidir –é de supoñer que en función dos beneficios económicos que lle reporte a operación- cando e como abandonará Lourizán. E non por repetir que a empresa ten data de caducidade no 2018 se adquire maior grado de compromiso no traslado; porque debe saber, Sr. Vázquez, que para sacar ENCE e ELNOSA da Ría de Pontevedra no 2018 non fan falta nen declaracións pomposas nen acordo programático nengún; abonda con facer cumprir a Lei. E afirma Vd. que leva un mes de retraso no que fai ao traslado de ELNOSA; non Sr. Vázquez, Vd. (e o goberno galego no seu conxunto) levan máis de 3 anos de retraso neste asunto e moito nos tememos que sigan a marear a perdiz e que deixen que o paso do tempo (e a chegada do 2018) sexa quen de dar a solución definitiva. Créame, Sr. Vázquez, as súas recentes declaracións nas que admite que “ainda non se ten atopado a fórmula para reubicar o complexo fóra de Lourizán” non fan máis que confirmar as nosas sospeitas.

Na APDR estamos plenamente convencidos de que de non existir o noso colectivo e unha ampla maioría social na bisbarra pontevedresa que respalda as nosas posicións e que día a día desde hai xa máis de 20 anos ven manifestando a súa oposición á presenza do complexo ENCE-ELNOSA no seu actual emprazamento, non se estaría a falar agora desa suposta “aposta decidida” do goberno galego por retirar o complexo do litoral; direille máis Sr. Vázquez; estamos absolutamente convencidos de que de non ser por esta realidade social que veño de describir, o actual goberno bipartito na Xunta de Galicia non tería asinado acordo programático nengún neste sentido. Lamentablemente a realidade deixanos ver que non existe vontade política no actual goberno galego para darlle a solución acaida ao problema; que, por desgraza, o goberno galego –e dun xeito moi particular a Consellería que Vd. dirixe- é presa do sometemento aos intereses empresariais do complexo contaminante e ilegal de Lourizán. A realidade é que nos xa cáseque catro anos de goberno PSOE-BNG na Xunta de Galicia non se deu nengún paso adiante cara á eliminación do complexo industrial de Lourizán. A realidade é que de non ser pola firme actuación da APDR e do Concello de Pontevedra en contra da pretendida instalación dunha fábrica de papel tisú en Lourizán, hoxe estaríamos a falar da consolidación definitiva do complexo ENCE-ELNOSA na nosa Ría, unha consolidación á que a Consellería que Vd. dirixe contribuiu ao conceder –de forma irregular e mesmo contraria á lei- as Autorizacións Ambientais Integradas tanto a ENCE como a ELNOSA.
Permítame xa por último que lle diga que, contrariamente ao que Vd. afirma, nós non buscamos nengún atallo para tirar o complexo fóra da Ría. Nós esiximos que se cumpla a Lei, que se sancionen as prácticas ilegais ás que por desgraza ENCE e ELNOSA teñennos moi acostumados; e insisto, Sr. Vázquez, facémolo porque desde as administracións con competencia neste terreo non se actúa coa forza e o rigor debidos contra estas ilegalidades. Sinceiramente, si alguén leva buscando atallos –e non precisamente para sacar ENCE-ELNOSA da Ría, senón para a súa consolidación- é a administracción autonómica, a de antes e a de agora, Sr. Vázquez.

Afectuosamente, Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría.

Pontevedra, 8 de novembro de 2008


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: