Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Aberto o prazo de inscrición nos cursos do Formaterra 2008

Aromaterapia, método bengala de crecemento persoal, kundalini ioga, bhangra, e bioconstrución son as propostas formativas que compoñen o Formaterra 08. Durante os días 18 e 19 de outubro e dentro do Festival das artes pola biodiversidade "Terractiva", a vila coruñesa de Arzúa albergará esta nutrida representación de cursos para os que prazo de inscrición remata o día 8 de outubro.

Enviada por terractiva terractiva o 15/09/2008 12:31

Con diferentes duracións, que van desde as 7 ata as 16 horas e docentes chegados de todos os recunchos do Estado, o Formaterra eríxese como unha das propostas formativas máis completas e consolidadas do panorama galego de cursos de formación en métodos e terapias alternativas, danzas ou crecemento persoal, entre outras disciplinas. Ademais, a posibilidade de gozar de actividades paralelas como charlas, obradoiros ou a visita a exposicións afondan neste espazo para a promoción da conciencia ecolóxica que é o Terractiva.Así as cousas, neste festival organizado polo Concello de Arzúa, financiado pola Deputación da Coruña e xestionado por Coperactiva Cultural, a posibilidade formativa ofrécenos, dunha banda os "Fundamentos para unha práctica correcta" do kundalini ioga a cargo do mestre Ángel Sánchez, curso que terá un custe de 60 euros. Nesta proposta, de 9 horas de duración repartidas entre o sábado 18 de 16 a 19 h e o domingo 19 de 11 a 14 h. e de 17 a 20 h, a capacidade máxima de alumnos é de 18.

Bioconstrución e aromaterapia

Por outra banda, a bioconstrución ocupará tamén o seu espazo no Terractiva cun curso impartido pola arquitecta técnica Maren Termens Steiner sobre as posibilidades que ofrecen as pacas de herba seca á hora de poderen ser empregadas como materiais de construción dunha vivenda, ademais de recibir o alumnado fundamentos teóricos sobre outros sistemas e ver a aplicación prática da edificación dunha caseta con estas balas de palla. Formaterra tamén ofrece a oportunidade de formarse en aromaterapia, nun curso impartido por Laura Romera cunha duración de 16 horas e un prezo de 70 euros e que descubrirá ao alumnado o mundo dos aceites esenciais e as súas propiedades. O número máximo de alumnado será de 30 e o horario será de mañá e tarde, de 10 a 14 h e de 16 a 20 h. durante toda a fin de semana. Para estes tres cursos, bioconstrución, kundalini ioga e aromaterapia, temos que existe a posibilidade de aloxamento para venres e sábado.

Crecemento persoal e Bhangra

Se atendemos ao curso de crecemento persoal, temos que Xabela Vargas, fundadora do "Método bengala" ofrecerá un programa cunha duración de 8 horas e un número máximo de alumnas/os de 20. O horario de celebración concentrarase no domingo 19 outubro de 10 a 14 h. e de 16 a 20 h e terá un custe de 50 euros. Tamén e, por último, Terractiva non deixa de pensar en pasalo ben e gozar de aprender a mover o noso corpo ao estilo da danza bhangra que vai transmitir ao alumando o grupo Bhangra-Hey! Coreografías, pasos e a música máis animada chegada da India son os elementos que ofrece este curso que conta cun prezo de 50 euros, 7 horas de duración e un número máximo de alumnado de 50 persoas. En canto o horario, este celebrarase o sábado 18 outubro de 11 a 14 h. e de 16:30 a 19.30 h. No marco deste curso celebrarase unha demostración do que os alumnos/as aprenderon sobre este baile chegado ra rexión do Punjab (India)Ademais, as persoas que vaian facer a súa inscrición ata do 30 de setembro gozarán do 10 por cento de desconto nos cursos que realicen. Para máis información sobre o festival é de mester consultar a web do festival www.terractiva.org


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: