Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Carta aberta a Bieito Lobeira

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Carta aberta a Bieito Lobeira

Carta aberta a Bieito Lobeira

Estiven a analizar con atención as opinións verquidas na Comisión de Pesca celebrada o 16/06/2008. As manifestacións de PP e PSOE coinciden co esperado. Unha vez máis quedaron patentes a súa particular guerra política e o seu oportunismo, e que ambos, salvo pequenas matizacións, están de acordo co contido do Plan de Acuicultura elaborado polos piscicultores. Pero ao escoita la súa disertación quedeime totalmente abraiado: ¡vostede non leu o Plan!, ou polo menos eso é o que desexo crer.

Enviada por ManuelGAnton ManuelGAnton o 17/07/2008 13:59

A situación de ilegalidade da piscifactoría de Merexo non se debe á falla dunha adecuada planificación do sector. A concesión está caducada dende 2002 e non pode renovala porque incumple a Lei de Costas. Non ten permiso de verquido nin pode obtelo porque carece de instalacións de depuración. É incompatible co planeamento urbanístico, e non cumple a regulamentación sobre actividades e a normativa medioambiental. O Plan simplemente trata de perpetuar de facto unha flagrante situación de ilegalidade.

Ratifica vostede as miñas presuncións cando afirma que ocupa unha superficie de 119.000 m2, cifra que realmente corresponde á proposta de ampliación incluída no documento aprobado en 2005. As instalacións actuais superan lixeiramente os 18.000 m2. A revisión non propón duplica la superficie senón multiplicala por quince.

Tampouco as cifras de emprego potencial obedecen a unha especulación empresarial. Fundaméntanse nun dato técnico, evidentemente disparatado, incorporado ao Informe de Sustentabilidade Ambiental. Non son intrascendentes, como sostén na súa exposición, foron determinantes para a declaración de utilidade pública e interese social do Plan, e serano para lexitima lo uso da expropiación en beneficio de intereses privados e o aceso das empresas ao financiamento público.

A súa opinión sobre a idoneidade do emprazamento pode cualificarse de temeraria. Os criterios establecidos no Plan para rexeitar ubicacións para plantas de nova factura inclúen condicións medioambientais: paisaxes singulares ou relevantes, zonas dunares ou Rede Natura; urbanísticas, destinadas curiosamente a salvagarda lo solo urbán e urbanizable; biolóxicas, evitando a proximidade a situacións de risco: fondos de ría, puntos de verquido urbán ou industrial, ou outras instalacións de acuicultura, e sociais, dirixidas a evitar impactos en zonas turísticas ou en praias concurridas. Os de aceptación atenden a restricións de carácter medioambiental: posibilidade de mimetiza los impactos visuais e de minimiza la repercusión sobre o medio ambiente, e social, como a aceptación polos distintos axentes e o respecto ás zonas de interese social. De aplicar estes criterios, só dous aspectos serían favorables á permanencia das instalacións de Merexo: non afectan a zonas dunares nin á Rede Natura. Os responsables deste contubernio, como bos trileiros, solventaron o inconvinte restrinxindo os requerimentos para a ampliación xustamente ao cumprimento desas dúas condicións.

Quero supoñer Sr. Lobeira que non se fará reo da manipulación da información urbanística. O texto mantén que os terreos a expropiar están cualificados polas Normas Subsidiarias de Planeamento como solo rústico de protección de costas e solo non urbanizable común. A simple observación do plano incluído no documento demostra que unha parte significativa está sometida a protección agrícola e paisaxística. Admiti lo valor agrícola do solo ameazado, recoñecido ata pola Consellería de Medio Rural, supoñería a aplicación do previsto na Lei 7/2007 de Medidas Administrativas e Tributarias para a Conservación da Superficie Agraria Útil, e impediría a execución das actuacións previstas no Plan. Tampouco parece xustificable esguella los valores paisaxísticos da zona cando anuncian a inminente promulgación dunha lei coa protección da paisaxe como obxectivo.

Tamén parece esquecer que non está en discusión un plan de acuicultura senón de piscicultura mariña, sobre o que vostede afirmou que “non é o máis importante na acuicultura galega”, e logo engadía que algúns políticos parecían padecer “unha amnesia moi profunda” (26/01/2007), da que vostede non se libra. A empresa propietaria da planta que defendeu encarecidamente na Comisión, uns días despois foi obxecto das súas denuncias diante do Parlamento. Acúsaa de supostos abusos aos traballadores e reclama o control das cuantiosas axudas públicas que recibe; di que non xera emprego digno; que segue unha política laboral agresiva contra os traballadores, acósaos laboralmente e ten os seus salarios conxelados dende 2006, e asegura que despediu recentemente a vinte traballadores (26/06/2008), o 7% do total do seu persoal no mundo segundo a súa información corporativa. De acordo cos datos presupuestarios e os ratios de investimento público manexados no Plan, Stolt Sea Farm, titular da planta de Merexo, recibirá máis de 300.000 euros de diñeiro público por cada un dos postos de traballo virtualmente creados. Cumprindo os seus desexos, como máximo corenta muxiáns trocarán o seu desterro en Canarias, onde traballan na "construción ou limpando váteres" (sic), por un ambiente laboral como o que vostede describe.

É imposible desenvolver unha discusión sobre os riscos de contaminación, impacto ambiental e sustentabilidade no reducido espazo que pode concederme este medio. Recoméndolle que consulte aos eminentes científicos que traballan nos departamentos de bioloxía mariña das universidades galegas. Sería un bon xeito de demostrar interese polos recursos propios da nosa terra.

Polo que respecta á Comisión, permítame unha última reflexión facendo honra ao seu fino sentido do humor. Poida que coincidamos en que o Sr. Balseiro non é a persoa máis indicada para defende-lo futuro da londra en Merexo, pero paréceme máis estrafalaria a causa emprendida pola Sra. Gallego, na que vostede coa súa indolencia participa: protexe lo "urogallo cantábrico", "con presencia en la franja costera", tal como reza na páxina trinta do Informe de Sustentabilidade.

En canto ás políticas para o desenvolvemento de Muxía, non se pode frivolizar cos problemas de pescadores, agricultores, gandeiros e desempregados. Necesitan investimentos en infraestructuras de todo tipo; en novas tecnoloxías; en centros de primeira transformación dos produtos do mar, e en sistemas loxísticos e de comercialización, e facer partícipes aos productores. Coren e Eroski non son produto da casualidade. O Sr. Franqueira, independentemente das discusións que poidamos argallar sobre a súa suposta ideoloxía, tiña razón.

Para rematar Sr. Lobeira, eu non vivo en Merexo nin teño intereses na zona, pero coñézoa en profundidade, e garántolle que a ampliación da piscifactoría non é a solución aos seus problemas. Máis aínda, asegúrolle que o día que o BNG suscriba este Plan de Acuicultura asinará a sentenza de morte dun pobo.

Manuel G.Antón Villamil


4,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: