Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O 25 Manifestación contra a destrución da ría de Vigo

Diante do novo Plan de Ampliación do Porto os colectivos integrados na Rede A RÍA NON SE VENDE convocan unha manifestación en defensa da Ría de Vigo, en defensa do noso primeiro e principal recurso natural. Durante esta semana presentarase o audiovisual "SOS Ría de Vigo" en moitas vilas da Ría.

A Rede A Ría Non Se Vende, composta por 16 colectivos, reuniuse por terceira vez co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Paz. Nesta ocasión foi para recibir explicacións sobre as propostas realizadas por dúas consultoras externas ao porto sobre zonificación de usos e posibles ampliacións do porto.

A realidade é que continuamos a asistir ao espolio e destrución da riqueza natural, dos recursos pesqueiros e marisqueiros e da paisaxe dunha ría que da sustento a 15.000 empregos directos (9.991 na pesca, 1.124 no marisqueo, 2.373 na acuicultura e 2.109 nas actividades directamente relacionadas en terra) e 45.000 indirectos. en total 60.000 postos de traballo.

Enviada por taurozen taurozen o 20/05/2008 21:18

Un porto caótico e depredador en proxecto de ampliación

Durante anos, a falta de solo industrial provocada pola ausencia de plans de ordenación do territorio, convertiron a contorna da ría nun caótico e disparatado polígono industrial. Máis da metade das 650 concesións de terreos están ocupadas por empresas e instalacións que non teñen relación coa actividade portuaria. Así é normal que nunca haxa sitio suficiente... Os responsables da APV recoñecen o uso dos espazos portuarios para actividades que se poderían realizar en outras localizacións e deseñan un plan no tempo para retirar algunhas destas empresas, pero están atados por unha xestión ate o momento nefasta, e estes traslados presentan grandes dificultades.

Aterramentos, ilegalidades e portos deportivos

O porto de Vigo é o único dos 28 pertencentes a Puertos del Estado que non ten aprobado un Plan de Usos, plan que xa era obrigatorio no ano 1993. E o caos continúa, sen efectuar ninguén a intervención radical que se precisa. Moi ao contrario, prescíndese de facer a análise global necesaria e as propostas céntranse en contentar a intereses concretos, consolidando exemplos de corrupción e ilegalidade como o porto deportivo de Punta Lagoa, na Guía, de 350 amarres, que destruíu bancos marisqueiros, degradou a praia da Lagoa, afectou gravemente á da Punta e arrasou o hábitat do cabaliño de mar. Pesan sobre el dúas resolucións de derrubo e catro sentenzas xudiciais que confirman as súas múltiples ilegalidades. Todo isto resólvese “premiando” ao seu promotor, o presidente de Pescanova, con 5.000 m2 de novos recheos e 30.000 m3 de dragados nas instalacións da súa empresa en Chapela, lindantes con Rede Natura. Porque, unha vez máis, o crecemento do Porto é mar adentro. 230.000 m2 de recheos son a verdadeira base desta proposta. E deles uns 60.000 dentro da Rede Natura. PSA Citroën, unha firma que non ten nin un só metro cadrado de concesión portuaria (nin os enormes espazos que ocupa aparecen asignados a ningún outro operador) benefíciase dunha ampliación da súa superficie, dedicada a almacén de coches, mediante a realización de silos en altura e, a maiores, máis de 80.000 m2 de recheo extra en Bouzas. Oficinas e almacéns de Zona Franca, un campo de fútbol, un pavillón de deportes, unha sala de exposicións, unha fábrica de mobles e múltiples naves industriais permanecen neste lucrativo (para o porto) recheo, situado enriba do que fora o banco marisqueiro máis produtivo da ría, un banco que pasou de producir 940 toneladas de ameixa no ano 1967 a tan só unha en 1986.

A falta de pan, compramos estampitas: o proxecto Nouvel


Abel Caballero utilizou o seu paso pola APV como trampolín para a alcaldía de Vigo, convocando un concurso para remodelar a área central do porto (cunhas bases incongruentes coa lexislación portuaria) que se adxudicou a Jean Nouvel. As actuais propostas deixan o espazo en branco para ese proxecto, imposible de realizar segundo a lexislación vixente, pero que tería o suporte económico garantido coa creación dunhas 1.150 prazas de amarre en pleno centro da cidade e un grotesco hotel de luxo no medio do mar. A privatización da ría sempre foi lucrativa para alguén. No Salgueirón, en Cangas, xogan cos mesmos ingredientes: ilegalidade, arquitecto de luxo, privatización e porto deportivo para 420 amarres nunha zona de gran riqueza natural. Centro comercial, hotel de 5 estrelas e vivendas de luxo completan o pelotazo. E os contenciosos que os paguen os afectados.

A Rede Natura tamén é portuaria

Na zona de Rande, en plena Rede Natura, se presentan dúas novas propostas de recheo, 21.358 m2 en Punta Chapelisa e 32.000 m2 máis ampliando a terminal de granito, que debemos unir ós 10.000 do proxecto de TEV en Rande.
Proxecto de recheos en Pescanova e Punta Chapelisa: 26.358 m2 Algo así tiñamos que imaxinar cando xa no 2005 a Fundación Provigo pechou o Observatorio Medioambiental da Ría de Vigo, ao parecer por non poder asumir os 70.000 euros do seu custe anual. Podería crerse esa razón se non fora porque dita fundación está formada entre outros polo Consorcio da Zona Franca, Caixanova, Deputación provincial, Citröen, a Cámara de Comercio ou o Club Financeiro de Vigo.
Proxecto de recheo en Duchess: 32.000 m2 E non é so a APV a que ten un comportamento voraz coa ría, tamén a Xunta pretende promover nas instalacións da antiga ETEA, en Teis, un porto deportivo con 1.076 amarres, dentro dun plan director de portos deportivos que pretende crear máis de 5.000 novos amarres na ría. Din, sen ningunha vergoña, que pretenden captar embarcacións do norte de Portugal e doutros países, para que pasen o inverno nas nosas costas, ofrecendo prezos máis baratos.

A contaminación


O desastroso estado da rede de saneamento xunto ao deficiente funcionamento das depuradoras, a non separación das augas pluviais das residuais urbanas e industriais, fai rebordar todos os aliviadoiros do litoral con precipitacións absolutamente normais, producindo enormes concentracións de coliformes que se suman ás concentracións de metais pesados, clorobifenilos e hidrocarburos para afectar á calidade e o prezo dos produtos da ría e comprometer o seu futuro. Ao mesmo tempo, a consellería de medio ambiente ignora a avaliación ambiental dos plans xerais de Vigo e Moaña, que, como o de Baiona, proxectan duplicar o número de vivendas.

¿Imos ben cara a algún tipo de progreso?

Se opinas que non, acude o día 25 de maio,
ás doce, á Praza da Estrela de Vigo.

A Ría Non se Vende, nos días previos á manifestación convocada , presenta en distintos lugares o audiovisual "S.O.S. RÍA DE VIGO", quefai un repaso sobre o delicado estado de saúde do noso maior e principal recurso natural, e dos proxectos e plans que o ameazan.



CANGAS Lugar: Casa da Cultura Data: 16.05.08 Hora: 17:30 h
TEIS Lugar: Local do Plan Comunitario Data: 19.05.08 Hora: 20:00 h
NAVIA Lugar: Local da Asociación Veciñal Data: 20.05.08 Hora: 20:00 h
CIG Lugar: Local do sindicato, Vigo Data: 20.05.08 Hora: 19:00 h
REDONDELA Lugar: Edificio Multiusos Data: 21.05.08 Hora: 20:00 h
S. MIGUEL DE OIA Lugar: Local da Asociación Veciñal e Cultural Data: 22.05.08 Hora: 20:00 h
C.U.T. Lugar: Policarpo Sanz, Vigo Data: 22.05.08 Hora: 20:00 h
BOUZAS Lugar ainda pendente Data: 22.05.08 Hora: 20:00 h
MOAÑA Lugar: Casa do Mar - Moaña Data: 23.05.08 Hora: 20:00 h
ALCABRE Lugar: Local da Asociación Vecinal Data: 23.05.08 Hora: 20:00 h
CORUXO Lugar: Local da Asociación Vecinal - Vigo Data: 23.05.08 Hora: 20:00 h
NIGRÁN Lugar: IES Val Miñor, rúa Paradellas 15 Data: Venres, 23.05.08 Hora: 20:00 h.

http://www.salvemosmonteferro.org/

http://arianonsevende.nireblog.com/
http://galizanonsevende.org/






5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O 25 Manifestación contra a destrución da ría de Vigo