Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Paremos o CAMBIO CLIMÁTICO: 3 de xuño, concentración nas Praterías

bannercc07.gif28 de maio de 2007. O vindeiro 5 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Mundial do MEDIO AMBIENTE. Este ano, está adicado ás consecuencias do CAMBIO CLIMÁTICO. ADEGA convoca aos colectivos ecoloxistas e sociais de Galiza a unha concentración o domingo 3 de xuño ás 12h na praza das Praterías de Compostela. Paralelamente, o propio día 5 (martes) haberá unha conferenza sobre as consecuencias do cambio climático a cargo do profesor Francisco Díaz-Fierros. Como introducción, proxectarase o documental de producción galega "O Cambio Climático, o reto do século XXI". Será as 19h na Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19 de Compostela).

Enviada por ADEGA ADEGA o 28/05/2007 18:16



MANIFESTO do Día Mundial do medio Ambiente 2007

As organizacións e colectivos asinantes queremos facer un chamado á sociedade galega para sensibilizala sobre o problema do quecemento do clima, que no noso país vai ter especial repercusión.
A rápida e transcendental mudanza na composición da atmosfera con relación aos valores mantidos durante millóns de anos, fai que a sua capacidade de autorregulación fique mermada. O fenómeno do quecemento global débese principalmente ao incremento do CO2 atmosférico provocado polas actividades humanas. En Galiza, as emisións de gases de efeito invernadoiro (GEIs) provintes sobre todo das térmicas de carbón, verdadeiras fábricas de cambio climático, están por riba da media estatal e mesmo superan ás dos países da UE que máis contaminan.
Este quecemento global está a provocar un deterioro ambiental xeralizado que xa está a acontecer, particularmente naquelas zonas máis sensíbeis da Terra. Entre estas están os casquetes polares e as terras con tendencia á desertización, pero tamén amplas áreas costeiras de clima temperado como Galiza.
O rápido desxeo está a provocar a incorporación de enormes cantidades auga líquida aos océanos dende os polos e os glaciares continentais. Estanse a rexistrar xa variacións do nível dos océanos e hai previsións de se incrementar nos vindeiros anos. Qué pasará coas cidades e vilas costeiras galegas?.
Ao mesmo tempo, están a acontecer modificacións na composición e temperatura das augas, que ameazan con alterar a fráxil dinámica das correntes mariñas. Galiza está bañada polas augas cálidas da corrente do Golfo que se achega ás nosas costas no inverno, afastándose no verán para deixar paso ás frías augas profundas. Esta dinámica atempera o noso clima e fertiliza o noso mar, facendo das rías uns dos ecosistemas con maior produtividade biolóxica do planeta. Qué pasará se crebamos este delicado equilibrio?
Nas serras interiores, grande cantidade de auga fica retida durante o inverno nos nosos montes, particularmente nas turbeiras, que xogan un papel importantísimo no balance hídrico global e, de paso, garanten a fertilidade dos nosos vales e fecundan as rías. Moitas destas turbeiras, coma as do Xistral, ecosistemas únicos e moi sensíbeis, foron destruidas pola implantación masiva de parques eólicos, perdendo o seu papel regulador das augas libres. Cómo afectará a escaseza de auga aos ecosistemas e ás persoas que neles viven?
En Galiza, as predicións mais optimistas indican que o clima vai mudar cara unha progresiva mediterranización: veráns máis cálidos, invernos máis fríos e descenso das precipitacións, con épocas de secas e fortes avenidas. Os incendios forestais, agravados polas intensas secas, inxectan á atmósfera grandes cantidades de GEIs (principalmente CO, CO2 e metano). Temos así un círculo vicioso: máis cambio climático produce máis incendios forestais, mais incendios agravan o cambio climático. Todo isto unido á masiva urbanización da costa que agravará as consecuencias deste deterioro ambiental propiciado pola mudanza climática.
Cómpre tomar medidas para frear esta dinámica e cómpre facelo xa. Por iso, as organizacións e colectivos asinantes queremos expresar á sociedade e aos poderes públicos:
-Que é necesario un compromiso firme para reducción das emisions de gases de efecto invernadoiro, máis ambicioso que o recollido no actual protocolo de Kioto. Este esforzo na reducción dos GEIs debe ser maior para aqueles sectores máis contaminantes: as térmicas de carbón, cementeiras e petroquímicas.
-É preciso tamén un maior control das emisións dos sectores difusos, nomeadamente do tráfico, que representa o 60% das emisións. Non é admisíbel continuar programando infraestruturas de transporte por estrada, esquecendo o transporte público e abandonando os camiños de ferro. Esiximos unha rede de ferrocarrís interurbana eficaz e vertebradora do país que contribúa a reducir drásticamente as emisións de CO2 debidas ao transporte privado.
-Débense fomentar as enerxías renovábeis con criterios de sustentabilidade, abandonando o produtivismo a ultranza. A minimización do seu impacto ambiental, a extensión dos seus beneficios á poboación local, procurando a máxima proximidade entre produción e consumo, alén da substitución das non renovábeis, deben ser os guieiros dunha nova política enerxética. Paralelamente, reclamamos a inmediata posta en marcha de planos de aforro e eficiencia, integrando a filosofía dos 3R, dende o fogar até a empresa comezando polas propias administracións. Para isto resulta imprescindíbel fomentar programas de educación ambiental que atinxan a toda a cidadania.
-A presión urbanística sobre a costa ameaza con agravar os efeitos do cambio climático, o que unido ao incremento da demanda de auga e á diminución dos recursos hídricos, fai necesaria unha nova planificación do territorio con criterios de sustentabilidade. Os PXOMs deberían incluir medidas eficaces para a redución do consumo doméstico e industrial de auga e a sua reutilización, implantando sistemas de depuración máis eficientes, ecolóxicos e descentralizados.
-A alteración irreversíbel das nosas montañas debido á pegada de actividades e explotacións agresivas, compromete a súa capacidade para a captación da auga, alén de poñer en perigo ecosistemas únicos. Reclamamos a aprobación da Carta das Montañas e, como primeiro paso, solicitamos unha moratoria para as canteiras e minas a ceo aberto en Galiza.
-Apostamos por unha Galiza verde que recupere o seu papel de rexeneradora de CO2 mediante a conservación da biodiversidade e o fomento do bosque autóctono, freando a eucaliptización e promocionando unha agricultura centrada na terra e nas súas xentes, alonxándonos das falsas saidas “bio” como a utilización de cultivos enerxéticos para carburantes.
Dende Galiza temos que trabar con eficacia as ameazas de desertización e perda de fertilidade dos nosos solos e rías que trae o cambio climático, actuando con decisión e sen demora contra as suas causas. Debemos recuperar a nosa vocación de país de vida, responsábel e solidario cos demáis povos, asumindo un compromiso coa terra e co planeta parello á nosa responsabilidade individual e colectiva no cambio climático.
Asinan: ADEGA, FEG, SGHN, CEMMA, Asemblea do Suído, AGA, SGEA, Seminario Galego de Educación para a Paz, SLG, BNG, CC.OO., ORGACCMM, ASOAR-ARMEGA, APDR, PDRV


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: