Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Publicación da obra gañadora do XII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

SANTIAGO PRADO CONDE (2007): Novas Minorías nas Institucións Educativas. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 290 páxinas. (Premio Vicente Risco de Ciências Sociais 2007).----------------------------Acaba de sair publicada a obra gañadora do XII premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Este facto consolida o premio como un dos máis importantes, senón o que mais, das ciencias sociais na Galiza. A continuidade do premio e o seu estímulo investigador reforzan o valor do proxecto emprendido polos mecenas do premio: a Fundación Sotelo Blanco, a Fundación Vicente Risco, o Concello de Castro Caldelas e o Concello de Allariz.

Enviada por XerardoPereiro XerardoPereiro o 04/12/2007 18:10

SANTIAGO PRADO CONDE (2007): Novas Minorías nas Institucións Educativas. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 290 páxinas. (Premio Vicente Risco de Ciências Sociais 2007).----------------------------Acaba de sair publicada a obra gañadora do XII premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Este facto consolida o premio como un dos máis importantes, senón o que mais, das ciencias sociais na Galiza. A continuidade do premio e o seu estímulo investigador reforzan o valor do proxecto emprendido polos mecenas do premio: a Fundación Sotelo Blanco, a Fundación Vicente Risco, o Concello de Castro Caldelas e o Concello de Allariz. A editorial Sotelo Blanco realizou unha edición moi cuidada, nunha aposta valente pola calidade e pola divulgación de textos inéditos de ciencias sociais. O autor da obra premiada é Santiago Prado Conde, un xoven antropólogo cunha extraordinaria formación antropolóxica. Chago, como é coñecido no mundo antropolóxico galego, é licenciado en antropoloxía na Universidade do País Basco e doutor en antropoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente está ligado ao mundo dos museos e do patrimonio cultural, a través do Museo de Melide e do Museo Etnolóxico de Ribadavia. A obra premiada é resultado da súa tese de doutoramento, que recibiu a máxima clasificación académica. Na súa base está un longo, exaustivo, rigoroso e metódico traballo de investigación sobre a problemática da minorización dos mozos de orixen rural nos contextos educativos formais galegos. O contexto de investigación escollido polo autor foi a Terra de Melide, un escenario moi oportuno para analizar o intenso debate entre os universos morais rurais e urbanos. O traballo presentado é resultado dun intenso contacto humano coas persoas coas que traballa, algo a partida non fácil, se pensamos que contactar con mozos nun plano de equidade como o fai Chago, non é fácil para calquer investigador. El ten feito aplicación da regra de que a antropoloxía é unha viviciencia, penetrando e compreendendo empaticamente, con detalle etnográfico, algunhas das culturas xuvenís galegas. A publicación está estructurada en catro partes: unha introdución e tres apartados. Na "Introdución", o autor presenta: a) o tema de investigación, é dicir, como a LOXSE criou novas realidades socioeducativas (ex.: concentracións escolares, ensino obrigatorio...); b) a xustificación da investigación tendo en vista o problema e o contexto de escolla; c) o encadramento do seu traballo no ámbito da antropoloxía da educación e do medio rural. Na primeira parte trata tres cuestións fundamentais: 1) as relacións entre o rural e o urbano; 2) as reformas educativas; 3) os procesos de minorización do alumnado de orixe rural. O autor comeza por realizar unha primeira análise da LOXSE, cuestionando o impacto social das políticas de oportunidades educativas para todos, e defendendo a idea de como a lei mesma lexitimou determinados saberes e omitiu outros de forma arbitraria e acrítica. Pero o autor non se limita só a descrever a lei, senón que interpreta esta e explica os seus impactos socioculturais no contexto galego con modelos teóricos (etnoecoloxía da educación) e metodolóxicos moi ben explicitados (observación participante, relatos de vida, entrevistas, análise documental, comparación antropolóxica, ...). É de destacar nesta parte, pero tamén en todo o libro en xeral, o intenso diálogo que o autor realiza con autores e investigacións do ámbito internacional, destacando polo seu grande coñecemento da antropoloxía portuguesa. Na segunda parte da obra, Santiago Prado Conde céntrase nas dinámicas sociais e educativas da xuventude escolarizada no Instituto de Educación Secundaria de Melide. Aquí foca con detalle etnográfico tres aspectos fundamentais: a) a cultura organizacional do propio instituto; b) as relacións intergrupais e intragrupais dos alumnos; c) as reaccións dos alumnos frente ao sistema educativo. Aquí o leitor pode deleitarse con etnografías sobre a diversidade rural-urbana, a construción do bo e do mal aluno, das boas e das malas nais, o papel dos docentes, ou as reunións de avaliación. Especialmente riguroso, pero tamén desamente humano, é o seu traballo de campo cos alumnos, non se centrando exclusivamente na observación participante no instituto, senón en todos os tempos e espacios sociais de construción da identidade xuvenil. Neste ponto, cruzando variables de idade, xénero, clase e procedencia rural / urbana, o autor analiza a construción social do éxito e do fracaso escolar, e tamén as diferentes reaccións do alumnado frente ao sistema educativo (ex.: oposición silenciosa, oposición explícita). Na terceira e última parte, preséntanse as conclusións, as reflexións finais sobre a investigación e um epílogo a modo de abertura para o futuro. Aquí o autor practica unha excelente antropoloxía reflexiva que nos desvela como el resolveu o problema da multiplicidade de papéis no terreno: investigador, viciño, amigo, colega, profesor, home e xoven. Nun exercicio magnífico de tradución intercultural, Santiago Prado Conde fai nas últimas páxinas un compromiso coas posibilidades de desenvolvemento dos tradicionalmente chamados espazos rurais e o recoñecemento dos seus valores. Estamos frente a unha obra de antropoloxía sociocultural moi necesaria, que como toda boa obra de antropoloxía está orientada, non apenas a un público especializado, senón a todos aqueles que queiran comprender mellor as transformacións socioeducativas das últimas décadas. Aínda así pensamos que todos os que traballan en ámbitos educativos deberían de ler esta excelente obra. En definitiva unha obra fundamental para entendernos a nós mesmos, renovadora na antropoloxía galega, que retrata e explica criticamente os procesos de mudanza nos cales estamos inseridos. Xerardo Pereiro (Profesor titular de antropoloxía na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro - UTAD, Pólo de Chaves) Correo electrónico: xperez@utad.pt


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: