Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OS CAF CONVOCAN FOLGA NA FACULTADE DE POLÍTICAS

Ante o propósito do decanato de impor un novo plano de estudos alleo aos intereses do estudantado e auspiciado polo Espazo Europeo de Educación Superior, os CAF chaman á FOLGA, o vindeiro mércores 5 de decembro e a unha concentración que se celebrará ese mesmo día ás 12h. diante da Facultade.

Enviada por SIBERIA SIBERIA o 29/11/2007 13:00

Os CAF-Políticas informan sobre o cambio de plano de estudos. Ante a caótica situación que a nosa facultade está a padecer, os CAF queremos denunciar:
1º.-Que a nosa postura sempre estivo, está, e estará en contra da imposición antidemocrática e homoxeneizante do denominado Espazo Europeo de Educación Superior.

2º.-Que en lóxica co anterior, votaremos en contra de calquera proposta de cambio de plano de estudos, que se efectúe baixo o auspicio de Boloña.

3º.-Que o proceder da actual equipa decanal revela un nivel de incompetencia preocupante por:

· Porque se nos convidou a participar dunha “reunión informal” para facer achegas ao novo plano con menos dun día de marxe. Ante esta situación, negámonos a participar dunha pantomima orquestada coa intención de dotar ao proceso dun berniz participativo, que servira para lexitimar un procedemento que para nós, está irremediabelmente viciado de nulidade.

· Porque ademáis de prescindir do estudantado para un tema que nos afecta de cheo, centra todos os seus esfozos en silenciar sistematicamente as fatais consecuencias dun eventual cambio de plano, fomentando entre o estudantado unha sensación de incertidume e un máis que xustificado alarmismo.

· Porque nun exercicio de malintencionado oscurantismo, pretende abordar a reforma do plano sen contar con ninguén, procurando para isto a peor das datas, durante a campaña electoral das eleccións á Xunta de Facultade.

· Porque detrás da selección deste procedemento, subxace a inequívoca intención de amordazar ao estudantado con insinuacións máis ou menos veladas, e desmovilizalo con constantes apelacións ao carácter presuntamente “inevitabel” da devandita reforma.

· Porque o procedemento empregado respecto da decisión de cambio de plano estudos, foi realizado ao marxe non só das canles de toma de decisión correspondentes (Áreas, Departamentos, Xunta de Facultade…) senon tamén dos resortes non institucionais da faculdade, axentes dos que en ningún caso se pode prescindir.

· Porque pretende acometer en menos dunha semana, unha reforma que afectará a 705 estudantes de CC. Políticas, co único desexo de satisfacer os compromisos adquiridos con organismos alleos aos órganos de goberno da USC, en detrimento dos dereitos do estudantado

· Porque a equipa decanal, ofreceu en sacrificio a nosa facultade, para que fora empregada como probeta de experimentación de Boloña nun proxecto piloto deseñado, non en órganos universitarios, senón en plataformas españolas que responden a intereses corporativistas, cando non a intereses persoais da propia equipa decanal.

· Porque en ningún caso a equipa decanal está sendo quen de garantir cales serán as consecuencias reais e efectivas da implantación do novo plano en cada un dos cursos.

· Porque o único que garante a equipa decanal, é que para o vindeiro curso se establecerá o chamado “volcado”, isto é, a implantación non gradual do plano, obrigando ao estudantado a escoller entre cambiarse ao novo plano ou quedar co vello. Agora ben, o decanato ocúltalle de xeito malicioso ao estudantado, que aquelas/es que non se sometan ao novo plano perden o seu dereito a docencia, e con este perden, as titorías, os puntos das prácticas…Unicamente garanten, o dereito a exame.

Por todo isto, os CAF, queremos deixar claro:


1º.-Que os membros dos CAF na xunta de faculdade, nunca serán cómplices, por acción ou omisión dos atropelos da actual equipa decanal.

2º.-Que nos negamos rotundamente a ser empregados como coellos de indias polos poderes fácticos da faculdade, que nos embarcaron pola súa conta, nun proxecto piloto sen contar coa opinión do estudantado, única e exclusivamente para alimentar o seu insaciabel ego e ansias de protagonismo provinciano.

3º.-Que non existe ningún argumento que sirva para atenuar ou eximir ao decanato do 100% da responsabilidade do acontecido e das eventuais repercusións que se poidan derivar da súa xestión. As reformas necesarias para a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior son por todas/os coñecidas dende fai tempo, e só se xustifica a actual situación, dende a consciencia para facernos comulgar co seu credo, ou dende a máis absoluta das neglixencias

4º.-Que dende os CAF chamamos ao profesorado a que adopte unha posición de forza en contra desta clase de actuacións. Non facelo, sería outorgarlle carta de natureza a vindeiras actuacións do decanato, que quedaría blindado ante futuras críticas. Non se trata de promocionar motíns ou conxuras palaciegas, trátase porén, en non darlle patente de corso a unha equipa decanal en franca decadencia.

5º.-Que á vista das circunstancias, os CAF entendemos que o proceso está viciado de nulidade, polo que non aceptaremos participar de ningún diálogo co que se pretenda subsanar unha desfeita que xa non ten volta atrás, e que en todo caso, pretende ser realizado dende un clima de imposición e autoritarismo.

6º.-Que ao noso entender, a actual equipa decanal carece de credibilidade para levar adiante ningunha reforma de calado na facultade, máxime cando procurando converterse nunha sorte de vangarda inquisidora, fai deixación das súas funcións de velar polo bo funcionamento da Facultade.

Por todo isto, o vindeiro mércores 5 de decembro, folga e concentración ás 12h. diante da Facultade.
Paremos o Plano. Contra a imposición do decanato


4,17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: