Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A língua dos fillos

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de A língua dos fillos

A língua dos fillos

Certo militante do bloque que non reside na Galiza díxome un día: "a mellor proba, dentro desta terra galega, pra saber se alguén é de esquerdas, é ver en qué lingua cría os seus fillos; se lles fala en esapañol é de dereitas: ben abertamente (PP), ou ben contra o seu corazón esquerdista facéndolle caso a súa cabeza conservadora (PSOE)". Eu non son tan esquerdista coma din os postulados do BNG pero sí son tan nacionalista coma o que máis e, sobre todo,  pra criar os fillos que teña en galego.

Enviada por ppSoe ppSoe o 03/08/2007 22:13

Non teño fillos, inda que estou en idade de telos, polo que estou arrodeado de fillos de amigos.
Vivo nunha das grandes urbes galegas, polo que estou arrodeado de amigos hispanoparlantes.
Son fillo da emigración campo-cidade, polo que estou arrodeado dun universo meirande que a urbe cotidiá.

O outro día, arrodeado de nenos hispanoparlantes, cos seus pais hispanoparlantes e os seus avós galegoparlantes, atopeime que era o único que lle falaba en galego ós nenos. Non é unha couxa novidosa pra moitos dos que ledes Vieiros e sodes de Vigo, Ferrol, Coruña... e inda que sexa triste non é ise sentimento do único que quero falar agora.

Ollando para aqueles rapaces pensei nos que un día hei de ter eu se Deus quere e, tamén, no bonito que sería educalos en galego, nun exercicio de liberdade "legal" dacordo cas miñas ideas. E deixeme levar pola miña imaxinación, véndome alí, naquel mesmo lugar, cun fillo meu. Qué se lle dí a un neno? "colle a pelota!", "dalle un bico ó tío!", etc. Logo pensei en como lle falarían ó meu fillo os outros maiores que había alí. Teño moi claro que ós galegofalantes lles exisiría que co meu fillo, coma entre eles,  seguisen falando galego, como non, pero e ós outros, os hispanoparlantes? Non lles podo obrigar. Pero vexo un problema grave: na ideosincrasia implantada nas hispanoscolas nas que nos criaron vai incluida unha norma que dí "rexeita o raro" e "hai que se rir do que fala raro", por iso é que somos un nulidade para aprender outros idiomas, a ningún neno doutras partes do mundo lles da vergoña falar noutra lingua. Con esa mentalidade seguro que, nun primeiro momento, haberíanme de mirar raro, e inda por riba, provablemente visen coma unha agresión á súa españolidade o feito de que eu lle fale en galego. É coma cando ven a un catalán falando na súa lingua na televisión: séntalles coma un insulto, coma un desprezo. Prégolles @s lector@s nacionalistas coma mín que deixen a paisón galeguista de lado un momento e pensen, se lles é posible, nas caras que ó seu redor se poñen cando o presidente do Barça sale na tele falando cos seus xogadores en catalán.
Sei que é unha trava a superar, pero penso que non estou moi errado na miña analise, prego que compartan experiencias.

Ata aquí, todo moi típico, pero entón lembreime dos meus pais, e de cómo eles, igual ca mín, cambiaron a lingua que os arrodeaba pra educar ós seus fillos. Os seus familiares, os seus amigos, os seus veciños... todos falaban en galego, e de súpeto, unha lóstrego lles deu a todos nas orellas e púxoos a criar fillos en castelán. Eles tomaron unha decisión sobre as nosas vidas e sobre o noso futuro. Penso que non sabían a dimensión daquela decisión. E non o sabían porque a medida da decisión estaba agochada na influencia que recibiron para a toma da mesma. Convertir en normal aquel paso era un dos puntos que compuñan o plan de españolizar a Galiza.
 Os nosos avós seguíannos a falar en galego, pero os nosos pais, na escola, no catecismo, na televisión, no fútbol... en todo o que compuña o noso universo infantil había unha inmersión lingüística no castelán. Por qué? Por qué os nosos pais viron que o falar galego era unha vergonza, unha lingua, corrixo, un dialecto de paletos, de incultos dos que se rir, que o falar galego non arreglaba vida ningunha e o falar castelán era o correcto, o bo, "como Dios manda"?. Así foi coma as nosas nais deixaron de se chamar  Lurdes, Margarita, Pilar, Mercedes ou Maricarmen pra se chamar Lulú, Margó, Pili, CHeche ou Maica, nun afán de se vincular ó urbanita e descastarse do rural e galego no que se criaran
Se eu lle falo galego ó fillo do meu amigo españolizado poida que él non me diga nada, pero sei que non lle gusta, e, se lle da igual, se cadra inda lle vai facer gracia e poida que lle ensine algunha frase ó neno en galego pra rir con él. E, sen embargo, cando a miña nai me falaba en español, e os seus irmáns me falaban en español, e os seus amigos me falaban en español para, deseguido, falar entreles en galego... todo era correcto, todo era bo, todo era "como Dios manda".

Pregunteilles ós meus pais por qué o fixeron, pregunteilles se foi nun exercicio de liberdade legal, se foi amparándose na liberdade de língua, se se apoiaron en organizacións do tipo "tan español coma o español", se o fixeron por amor a España... E o que me din: porque non queríamos que fosedes uns paletos coma nós.

Ese é o esterco, a merda, que lle botaron ás nosas terras. Esa conciencia de nazón, de pobo, sí, pero de pobo pobre que non vale pra nada e que o mellor que lle queda é morrer e entregar os seus fillos ó outro pobo, ó pobo superior, o que impón pola forza o que é bo e o que é malo, o que é "paleto". O que lles queda é facer dos seus fillos españois porque ser español é mellor ca ser galego. Nese esterco medraron as conciencias dos nosos pais, fillos das hispanoscolas franquistas, fillos do medo, da miseria da posguerra, e de tantas couxas que acadaron facer medrar neles o rexeitamento do "do país". Nese esterco tamén medrou a mala herba do consumismo e demais ventaxes do capitalismo e da globalidade esmaga culturas desta época nosa.

E así estaba eu cavilando, ollando ó sol deste verán galego como xogaban tres neniños que xa se queren votar a falar pero que por agora só se lles escoita: "agua" "abuelo" "perrito" "mío" e case case "viva España".

A amizade e a convivencia son moi importantes, pero mágoa de que nou houbera bos para-raios hai 30 anos pra librar ós nosos pais daquel lóstrego.


4,67/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A língua dos fillos