Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Autodeterminación

Galiza Sempre leva a perspectiva da nación galega ao Foro Social Europeo

A Fundación participa en debates sobre os dereitos colectivos dos pobos e a defensa da diversidade lingüística en Istambul.

Redacción - 10:55 02/07/2010

Istambul acolle deica este domingo unha nova edición do Foro Social Europeo onde a Fundación Galiza Sempre (FGS) promove a presenza galega en debates sobre os dereitos colectivos dos pobos e a defensa da diversidade lingüística. Nesta ocasión a FGS está representada por Gonzalo Constenla, integrante do Padroado e secretario de Relacións Exteriores na Executiva Nacional do BNG.

Os debates, organizados en colaboración co Ciemen de Cataluña e onde terá especial protagonismo a cuestión curda, dan continuidade aos organizados en 2008 en Malmö (Suecia) onde a FGS presentou conxuntamente coa CIG a palestra A perspectiva da nación galega nunha mesa redonda sobre o dereito de autodeterminación.

Galiza Sempre impulsa a participación do noso país en diferentes foros internacionais onde se debaten alternativas á crise fóra do neoliberalismo que consideran culpábel da mesma. Xosé Manuel Beiras, presidente da FGS, asistiu en maio á reunión do Consello Internacional do Foro Social Mundial que prepara un encontro en Dakar (Senegal) para febreiro de 2011, e o mes pasado a fundación constituía en Girona, canda outras entidades de todo o mundo, unha Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos.

Desde a FGS informan de que han desenvolver novas iniciativas e debates en torno aos dereitos políticos e lingüísticos dos pobos nos vindeiros meses. Por exemplo en outubro, coincidindo coa organización en Compostela da Asemblea Xeral do Centre Maurits Coppieters, fundación política europea, ou en decembro, no marco do Foro Mundial de Educación.


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: