Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mundial de fútbol de Suráfrica 2010

Brasil, Arxentina e Alemaña non fallan na primeira rolda de partidos

Italia, Inglaterra e Francia non son quen de pasar do empate, ao igual ca Portugal. A "favorita" selección española cae 1-0 fronte ao combinado suízo.

Redacción - 12:00 17/06/2010
O 'galego' de Uruguai, Nicolás Lodeiro

O 'galego' de Uruguai, Nicolás Lodeiro

Finalizou esta cuarta feira a primeira rolda de partidos do Mundial de fútbol de Suráfrica 2010 e xa se poden tirar as primeiras conclusións.

De entre as campioas do mundo, Brasil, Arxentina e Alemaña foron as únicas que conseguiron sacar adiante os seus respectivos encontros contra Corea do Norte, Nixeria e Australia. Aínda que seus os rivais, a priori, están un chanzo por debaixo da súa calidade, consolídanse como favoritas para chegar á final.

Malia non despregaren o xogo que delas se espera, especialmente da brasileira (a alemá pasou por riba e goleou a frouxa australiana), souberon resolver os partidos. O arxentino Leo Messi non marcou, mais volveu demostrar porque está considerado o mellor xogador do mundo.

Italia, Inglaterra e Francia, tamén campioas do mundo, non foron quen de pasar do empate. Franceses (que empataron coa vencedora do Mundial en 1930 e 1950, Uruguai) e italianos deixaron unha imaxe pobre de xogo, mentres que os ingleses a pesar de dominar fronte aos EUA encaixaron un gol por un fallo do seu porteiro.

A nosa veciña Portugal, que basea todo o seu xogo en Cristiano Ronaldo, non parece que vaia dar a sorpresa en Suráfrica. No seu debut con Costa de Marfil, o resultado final foi de 0-0. Pola súa banda, a selección española -"favorita" para todos os medios madrileños- recibiu unha boa cura de humildade por parte da suíza, ao caer derrotada 1-0.

E pola nosa banda, o único xogador 'galego' neste mundial é o uruguaio Nicolás Lodeiro, de avó da Coruña, que non comezou con moi bo pé, xa que se converteu no primeiro xogador expulsado do Mundial, por unha dura entrada no partido contra Francia. Uruguai e Suráfrica foron os primeiros en xogar o segundo dos seus partidos, que rematou con vitoria dos primeiros por 3-0.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: