O penúltimo pulso entre as principais correntes internas do Bloque resólvese en favor da UPG.
Rubén Cela
Por estreita marxe, ao igual que acontecera recentemente en Ourense, resolveuse a tirapuxa interna do BNG na capital do país. A lista encabezada polo ex director xeral de Xuventude na anterior lexislatura, Rubén Cela, avalada por UPG e MGS, apañou un total de 171 votos (o 53,4%). Mentres, a lista que levaba á fronte o ex delegado de Vivenda na Coruña, Xoán Carlos Bascuas, apoiada por +Galiza e polo Encontro Irmandiño, quedou en 147 votos (o 45,9%), habendo ademais dous votos en branco. As posteriores negociacións cara a unha posíbel integración introducirían na lista gañadora do BNG compostelán (con Rubén Cela, Elvira Cienfuegos e Rafa Villar nas tres primeiras posicións), a un representante de +Galiza, Modesto Toribio (terceiro na lista encabezada por Bascuas), na cuarta posición.
Deste xeito, resta apenas por ver como finaliza o deseño da lista na cidade da Coruña. Aló, o pulso ten entre outros protagonistas os nomes de Afonso Sánchez Regueiro ('tellismo', Encontro Irmandiño e previsibelmente Máis Galiza) e Xosé Manuel Carril (UPG). O balance até o de agora amosa que a Unión do Povo Galego está a mostrar máis forza interna nas loitas urbanas. O partido que dirixe Francisco Rodríguez marca a dirección nas candidaturas de Lugo (Antón Bao), Ourense (Isabel Pérez), Pontevedra (Miguel Anxo Lores) e Ferrol. Santi Domínguez (Máis Galiza) volverá ser candidato á Alcaldía de Vigo, aínda que a UPG terá un peso decisivo ao copar os teóricos postos de saída.