Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR UNANIMIDADE

O Parlamento rexeita a construción do encoro do Navia

Insta á Xunta a informar negativamente sobre o Salto do Suarna e pide ao goberno español que declare o río libre de aproveitamentos eléctricos.

Redacción - 18:05 26/05/2010
A concesión do aproveitamento hidroeléctrico do Salto de Suarna data de 1963

A concesión do aproveitamento hidroeléctrico do Salto de Suarna data de 1963

Con tres encoros e catro présas hidroeléctricas, o río Navia está xa sobre-explotado. Así o comprenderon os tres partidos políticos con representación no Parlamento que aprobaron, por unanimidade, unha moción presentada polo BNG na que se insta á Xunta a informar negativamente sobre a concesión do Salto do Suarna. Cunha concesión que data de 1963, o proxecto vén de superar o período de alegacións, no que recibiu numerosas argumentacións en contra, tanto de ecoloxistas, como de veciños, como dos propios municipios afectados (Navia de Suarna e A Fonsagrada).

O texto tamén incluíu, a demanda do PSdeG, a petición de que a Xunta inste ao goberno español a declarar o río “libre de novos aproveitamentos hidroeléctricos” no Plano Hidrolóxico. Asemade, o PPdeG introduciu outra emenda para que a Xunta poña en marcha plans de ordenación e de xestión dos recursos naturais das distintas figuras de protección ambiental que están vixentes nesta zona (Lugar de Interese Comunitario, Reserva da Biosfera e Rede Natura).


Texto da iniciativa aprobada:

1-O Parlamento de Galiza acorda manifestarse en contra da construción do encoro denominado “Salto de Suarna” na conca alta do río Navia, en territorio dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna (en Lugo) e Ibias (Asturias), promovido pola empresa “Saltos del Navia”.

2- O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a:

-Que no uso das súas competencias exclusivas en materia de medio ambiente para o territorio galego, presente alegacións contrarias ao Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto de Aproveitamento Hidroeléctrico do Salto de Suarna e adopte as medidas precisas para preservar os recursos naturais do río Navia e da súa conca.

-Reclamar ao Goberno Central a anulación definitiva da concesión do aproveitamento hidroeléctrico do río Navia á empresa concesionaria, que data de 1963, atendendo deste xeito á histórica demanda social e institucional dos concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna.

-Que se solicite do Goberno de España a incorporación da declaración do río Navia libre de novos aproveitamentos hidroeléctricos no Pan Hidrolóxico Nacional que se está a realizar neste intre.

-Poñer en marcha os Plans de Ordenación e de Xestión dos recursos naturais das distintas figuras de protección ambiental declaradas neste territorio como son o LIC, a reserva da biosfera e a Rede Natura 2000.

-Que favoreza o mellor aproveitamento dos recursos naturais da comarca do Alto Navia (agropecuarios, forestais, cinexéticos, piscícolas, recreativos...) dentro do plan Impulsa Lugo para compensar, na medida do posíbel, o atraso económico producido pola permanente ameaza dos encoros nos últimos 70 anos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: