Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL

Marca para o leite galego? Ineficaz sen maiores parámetros de calidade, di o BNG

Os nacionalistas denuncian a falta de contido do Plan Estratéxico do Sector Lácteo que presentou o conselleiro e denuncian a redución nas axudas aos gandeiros.

Redacción - 13:35 27/04/2010

Crear unha marca distintiva para o leite galego que acredite a súa calidade. Esta é a aposta da Xunta de Galiza, enmarcada dentro do seu chamado Plan Estratéxico Lácteo, para revitalizar o sector leiteiro galego. O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, presentou o proxecto adiantando que “busca achegar transparencia ao mercado e contribuír a revalorizar as gandarías galegas que traballan para ofrecer ao consumidor un produto de alta calidade”. Como primeiro paso, no pasado mes de marzo, o Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que se creou un rexistro de explotacións leiteiras “de calidade diferenciada”.

Calidade diferenciada?
Porén, dende o BNG explican que os “estándares de calidade” que se estabeleceron “son os mínimos que xa existen na actualidade e que cumpren a inmensa maioría das explotacións”. Tareixa Paz debullou eses estándares que exixe a nova marca de calidade: “a exixencia de carta verde, algo do que xa dispoñen todas as explotacións porque sen ela non poden vender leite; ou que teñan uns valores somáticos máximos de 350 mil unidades por litro, cando o máximo legal é de 400 mil unidades”.

“Os consumidores non van pagar máis por un produto que cumpre os mínimos estándares de calidade que cumpren todas as explotacións”, di Tareixa Paz, “pagarían máis por un produto de calidade diferenciada, con presenza de omega tres e sales minerais e menos graxas saturadas, que se produza en explotacións sustentábeis ambientalmente”. Así, considerou que “este decreto, á parte de insignificante, será absolutamente ineficaz” e apuntou que “é unha frivolidade tendo en conta a situación do sector lácteo”.

Finalmente, o BNG tamén denunciou a redución de entre un 20 e un 30% nas axudas de aconsellamento do Contrato de Explotación Sustentábel (CES) xa comprometidas aos gandeiros e noutras liñas de subvencións. Tamén lamentaron o ánimo da Xunta de “destruír todo o que se fixo durante o bipartito” como “a hibernación do Banco de Terras” ou a “creación dun Grupo Lácteo Galego de base cooperativa”.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: