Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
LNB

A billarda chega á Universidade

Este mércores comeza a competición na Conferencia-USC en Compostela. O xoves os palanadores demostrarán a súa destreza no Campus de Lugo.

Redacción - 08:15 21/04/2010

A Liga Nacional de Billarda (LNB) dispútase esta semana en territorio universitario para, como din dende a súa web “arrincar de vez os aramios de espiños das aulas” e “introducirse de pleno no diario discorrer da vida académica do país”. Será este mércores 21 de abril ás 14:30 do mediodía no campo de fútbol de terra do Campus Sur, en Compostela. Xa o día seguinte, o xoves 22, os palanadores lugueses terán a súa oportunidade de demostrar a súa destreza coa billarda no Campus de Lugo.

As convocatorias son abertas, polo tanto poden tomar parte nesta Conferencia-USC da LNB todos os universitarios que o desexen. Toda a información para a inscrición pódese atopar no portal de internet “O Varal” e mesmo no espazo que a Universidade reserva xa para a billarda. Ademais, a LNB anuncia que, atendendo ao impacto social creado polo universo billardeiro, “unha televisión internacional achegarase este mércores até o campo de terra do Campus Sur para cubrir o arranque desta competición que vai revolucionar o até de agora maino discorrer da vida universitaria galega”.

En Becerreá e no Salnés
Doutra banda, este mesmo xoves, o Instituto de Becerreá acollerá “un feito de moi posíbel transcendencia histórica”: a primeira Palestra-LNB nun instituto do país, “asentando así un gran precedente, se temos en conta que despois da palestra se vai realizar nas instalacións deportivas un espectacular Abertinho entre os rapaces e rapazas asistentes ao acto”.

Xa o domingo 25 de abril, disputarase o Xerro do Salnés, en Xil (Meaño). Celebrarase a tradicional xeira de Furanchos + xantar de irmandade + Aberto do Xerro. Dende a LNB xa apuntan: “ide preparando as gorxas, os paláns e as billardas porque os furanchos e a pista das Angustias en Xil agardan a brutal invasión de toda a tribo LNB”.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: