Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xesús Vázquez, un ano na consellaría

Récord de conflitos, bocadillo no comedor? "Calidade e excelencia" di Vázquez

Non comezara o actual curso escolar e a consellaría de Educación xa era foco de múltiples polémicas. Cun ano no cargo, Vázquez suma unha das xestións máis criticadas.

Redacción - 09:00 20/04/2010

O máximo órgano de participación na educación do país, o Consello Escolar de Galicia, arreboloulle un dos paus máis contundentes á xestión da Consellaría de Educación nos últimos tempos a conto do "decretazo" sobre a lingua no ensino. Foi un xesto significativo e no ámbito que maior proxección pública ten acadado a contestación á xestión do conselleiro Xesús Vázquez, o da lingua. Unha belixerancia cara á presencia do galego nas aulas que mesmo abriu xa fendas evidentes a nivel interno no PPdeG tal e como lles contaba Vieiros en días pasados.

Pero máis aló do ámbito lingüístico, as queixas á xestión da Consellaría de Educación acumúlanse enriba da mesa e por asuntos ben diversos. De feito, o propio Consello Escolar retiráballe por vez primeira á consellaría o seu apoio xa a comezos do actual curso no transcurso dunha votación onde a Xunta pretendía o aval para a eliminación do módulo de 'Cociña galega de vangarda' do currículo do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía. No fondo da cuestión, a teima da consellaría en suprimir contidos propios dos novos ciclos de Formación Profesional e cinguirse aos contidos mínimos estatais.

Comedores sen cartos, a punta do iceberg
Outra das denuncias que maior alarma a pé de rúa xurdiu en tempo recente foi a conto dos comedores escolares. O feito de que entrado o segundo trimestre o Goberno non pagase os gastos correntes dos comedores, os problemas cos centros con fornecedores de produtos por este motivo e os cativos comendo de bocadillo no canto de prato acenderon tamén a indignación social. Unha situación diante da cal algúns colexios xa ameazaron con suspender o servizo de comedor.

De feito, os comedores xa foran obxecto de polémica iniciado o curso cando daquela se coñecía a decisión de Educación de subir un 15% o prezo do servizo e facerlle pagar ás familias por adiantado aínda que á fin os rapaces non usasen o servizo a totalidade dos días.

Mesmo a conto do volcán se meteu en leas a consellaría
Este luns e, paradoxalmente, ao fío do caos creado en Europa pola erupción en Islandia do Eyjafjallajökull, chegaba a que aparece como unha nova faragulla á lista de conflitos de Educación. Nais e pais dun grupo de estudantes do CPI de Narón queixábanse de que durante toda a fin de semana a consellaría desentendeuse por completo da situación de seus fillos, bloqueados en Dublín por mor da cancelación de voos. Un asunto que chegará á Cámara da man do BNG, que preguntará á Xunta polo "desinterese" e a falta de reacción do departamento de Xesús Vázquez.

Cos centros concertados, tamén conflito
E se ben a maioría de denuncias á Consellaría de Educación corresponden a temas que, na opinión dos sindicatos, evidencian o "ataque ao ensino público" do que acusan ao actual Goberno, tamén desde o eido do ensino privado hai apenas uns días que temos exemplo de problema. Os sindicatos en pleno abandonaban a reunión da comisión tripartita de ensino privado concertado polo que consideraban falta de vontade negociadora do equipo de Vázquez. Denuncian os sindicatos que por vez primeira a administración educativa racha coa dinámica de recolocar traballadores que perderan o seu emprego logo do peche de unidades. "Un claro desprezo polos traballadores do ensino concertado", laiábanse.

Feixe de liortas e fendas á calidade do ensino público
Supresión da gratuitidade dos libros, redución de profesorado, eliminación de unidades, recortes á formación dos docentes, freo ao decreto do galego, subvención aos centros que segregan por sexos, eliminación de módulos de FP, problemas en comedores e transporte escolar... A piques de abrirse o curso 2009-2010, en Vieiros xa facíamos peneira do elevado número de frontes de conflito abertas pola consellaría de Educación: Un feixe de buratos de xestión aínda sen arranxar.

Malia que os feitos van quedando acumulados nas hemerotecas e amosan un balance de erosión na escena educativa, desde a consellaría, Xesús Vázquez expón unha opinión ben diferente. Así, este luns, á saída dun acto público, e coincidindo co aniversario esta mesma semana da súa toma de posesión como conselleiro, expresaba o seu balance deste primeiro ano: "É unha nova etapa na procura de calidade e excelencia". E os problemas? Seica froito de "buratos" nas contas deixados polo executivo anterior.


3,07/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: