O disco 'Em Concerto' achega 19 pezas de "fado rigoroso". Esta fin de semana en Compostela, o espectáculo inspirado no filme de Carlos Saura. Vídeo no interior.
Casa de Fados, Ana Sofía Varela
Primeiras figuras xunto a novas promesas. Os fadistas Vicente da Camâra, Ricardo Ribeiro, Pedro Mountinho e Ana Sofia Varela, cantan “á desgarrada” a noite deste sábado en Compostela, 20h30 no Salón Teatro, acompañados polos músicos Pedro Castro (guitarra portuguesa), Jaime Santos (viola) e Joel Pina (baixo acústico). Presentan o seu primeiro disco, 'Em Concerto', un traballo que reproduce 19 temas clásicos cun fado rigoroso, creando un ambiente íntimo e nocturno.
Casa de Fados é unha iniciativa musical xurdida logo do filme Fados, de Carlos Saura. A idea do espectáculo é reunir xeracións diferentes do canto popular portugués nun contorno que reproduce o ambiente dunha típica casa de fado lisboeta. Un proxecto musical que se converteu nunha interesante formación que "reflicte o gran momento que vive o fado, aclamado por un público cada vez máis novo que sente admiración polos versos cantados á morte, ao amor traizoado, á desesperación e á melancolía".