Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Feijoo, traidor a Galiza"

Non citarás a Castelao en balde

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, acusa o presidente da Xunta de ser "o maior inimigo da lingua".

Redacción - 17:30 24/03/2010

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, acusou esta cuarta feira o presidente da Xunta de ser "o maior inimigo da lingua" e augurou que "así pasará á historia". Ademais, cualificouno de "brazo executor" dun sector "antigaleguista" do PPdeG e de condenar o galego "a ser unha lingua menor" en troques "dun puñado de votos".

"Vostede non é un presidente, porque un presidente une e vostede sepáranos en algo que nos uniu sempre; rompeu o consenso da lingua", espetou Vázquez, antes de citar a Ramón Piñeiro, para tachar a Feijoo de "inimigo de Galiza e do galego". Ao tempo, cualificou de "inxustiza" o novo proxecto de decreto e prognosticou que provocará "o caos lingüístico".

Feijoo tirou de titulares xornalísticos para lle recordar que o ex presidente Emilio Pérez Touriño e o ministro de Fomento, Xosé Blanco, manifestaron o seu rexeitamento á "imposición lingüística", así como declaracións do propio Vázquez a prol dun "modelo bilingüe e puro".

Ademais, o xefe do Executivo recomendoulle ler o decreto. "Lea polo menos tres artigos", dixo, e citou os puntos 4.2: "máximo equilibrio posíbel"; 6.6: "garantir a mesma porcentaxe entre as linguas", e 7.6: "o mesmo en Secundaria". "En contra de que está vostede exactamente? Do equilibrio 50-50? De que os pais opinen?", preguntouse.

"Traizón a Galiza"
Manuel Vázquez insistiu en que Feijoo "pasará á historia como o maior inimigo da lingua" e censurou o "insulto" que, ao seu xuízo, constituíu a decisión do presidente de "citar en castelán a Castelao" durante o Debate sobre o Estado da Autonomía "agochándose detrás de Blanco Amor".

"Non se pode atacar a lingua escudándose detrás da liberdade", continuou o líder dos socialistas, para lle demandar, a continuación, ao presidente que "escoite" a sociedade galega e que "non traizoe a Galiza" polo "puñado de votos" que pode gañar grazas ao sector "antigaleguista" do PPdeG.


4,76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: